O movemento LGTBI urxe un marco legal

orgullo
Sen festa mais con toda a forza da mobilización e da presión popular. Os colectivos LGTBI ocuparán o espazo público para reclamar os seus dereitos. "Somos unha sociedade diversa e cómpre facelo presente nas rúas", afirman desde a asociación Nós Mesmas.

A festa do Orgullo de 2020 non se verá nas rúas mais xa hai días que se sente nas redes sociais. Moitas das actividades e das reivindicacións que noutro contexto se levarían aos espazos públicos, comezan a desenvolverse en liña, mais os colectivos LGTB non renuncian a ocupar as prazas e a facer valer a súa voz coincidindo o propio 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTB. Non haberá festa pero si mobilización. Farano respectando todas as medidas de seguridade que exixe a nova normalidade, resultado da crise social, económica e sanitaria derivada da pandemia.

Somos unha sociedade diversa e cómpre facelo visíbel na rúa, aseguran desde a asociación Nós Mesmas

"Somos unha sociedade diversa", aseguran a Nós Diario desde a asociación Nós Mesmas, "e cómpre facelo visíbel na rúa". Máis aínda a raíz do impacto brutal que a propagación do coronavisrus deixou entre as persoas LGTB, sobre todo entre as mulleres trans. Coinciden nisto todos os colectivos consultados por este xornal. As desigualdades, a discriminación e o odio aviváronse, polo que as súas reivindicacións están máis vivas e son máis urxente ca nunca. No ámbito da escola, do traballo, da saúde e dos servizos sociais. Cada escenario exixe medidas concretas, mais tamén un marco legal sólido que recoñeza os seus dereitos.

Óscar Rodríguez: "Urxe a aprobación da lei de igualdade LGTBI, metida nun caixón desde 2017"

Óscar Rodríguez é voceiro de ALAS A Coruña, Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual.

"O Orgullo chega nun momento de crise, agravada polo feito de que moitas persoas LGTB se viron na obriga de vivir o confinamento en contornos hostís, onde non puideron exercer a súa identidade de xénero ou a súa orientación", salienta Óscar Rodríguez. Desde ALAS destacan as dificultades que atravesa o colectivo trans, "sobre todo as mulleres, en situación de desemprego, abocadas á prostitución, sen recursos e feridas polo auxe dos discursos de odio".

Así, reivindican "unha lei galega e estatal que protexa os dereitos das persoas trans, un capítulo sancionador dentro da lei galega de igualdade de trato de 2014, baleira e sen implementar, e a probación da lei estatal de igualdade LGTB".

Elisabet Pérez Costas: "A educación afectivo-sexual sempre foi a materia pendente no ensino"

Elisabet Póstas é portavoz da Asociación Nós Mesmas, pola igualdade social e legal do colectivo LTBIQA.

"O inicio do ano foi convulso con todos os ataques da dereita á educación en diversidade afectivo-sexual, quitándolles ás crianzas o dereito a aprender que é a sexualidade, como nos expresamos, cal é a nosa identidade", explica Pérez Costas, un traballo incipiente nas escolas que se truncou coa chegada do coronavirus. A crise sanitaria puxo de manifesto a vulnerabilidade das persoas LGTB, di, sobre todo das persoas trans, en particular das mulleres.

"A COVID deixounas na marxe", desabastecidas do máis básico. "Por iso urxe a despatoloxización trans, a fin da transfobia. Exixir unha lei trans e unha lei integral LGTB é fundamental, polos dereitos e a dignidade de todos, todas e todes", incide Elisabet Pérez. 

Xandre Garrido: "A Lei de igualdade de trato e de non discriminación está obsoleta"

Xandre Garrido é responsábel nacional de organización do colectivo galego Avante LGTB+.

"A demanda máis urxente pasa pola despatoloxización trans, que implica unha lei de identidade de xénero que permita a libre autodeterminación do xénero sen procesos médicos nin aval psicolóxico, recollida no acordo de Goberno do Estado, mais cuestionada polos sectores tránsfobos do PSOE", sinala Xandre Garrido.

Avante pide unha lei de identidade de xénero galega e a superación da lei de non discriminación de 2014. "Está obsoleta, sen desenvolver nin aplicar", incide Garrido, quen recalca a necesidade dun "protocolo consensuado e unificado nos hospitais galegos para o trato das persoas trans, ademais de medidas para acabar coa LGTBfobia no ensino.

Daniela Ferrández: "As persoas trans quedaron desconectadas durante a crise"

Daniela Ferrández é voceira de Amizando, asociación galega de loita polos dereitos das persoas trans.

"Despois de unha crise como a que nos deixa a pandemia que acabamos de vivir, a empatía e a visibilización das persoas LGTB é máis necesaria ca nunca, por iso, malia as limitacións que marcan a celebración do Orgullo deste ano, cómpre reivindicar e rescatar todos os dereitos que nos corresponden, sobre todo das persoas trans, desconectadas das dúas familias, do traballo e das axudas directas", apunta Daniela Ferrández.

Neste tempo, di, as persoas trans víronse especialmente vixiadas e sinaladas. Por iso insiste na despatoloxización trans, nunha lei "que leve ás institucións o recoñecemento legal e real de que non somos enfermas mentais", ademais dunha "auténtica lei de non discriminación" ben dotada