Organizacións profesionais e sociais impulsan un manifesto en defensa da Atención Primaria na Galiza

Denuncian a actual situación de “abandono” deste servizo e exixen maior orzamento, persoal e medios.

“Denunciamos que a Atención Primaria sofre unha situación de abandono, marxinación e sometemento como consecuencia dos recortes de recursos e do abandono da promoción e prevención da saúde”. Así comeza o manifesto que estes días están a impulsar e subscribir diferentes organizacións profesionais e sociais e que se presentará a mediados da vindeira semana. Un ‘Manifesto en defensa e mellora da Atención Primaria na Galiza’ que pide actuacións e medidas para reverter a actual situación.

Os recortes, indican no escrito, afectan tanto aos profesionais (“sometidas a unha inaceptable situación de frustración profesional, sobrecarga de traballo e precariedade laboral”) como a poboación usuaria (“soporta esperas irracionais para acceder a uns Centros de Saúde masificados, que non ofertan unha atención  integral, comunitaria,  participativa e de calidade”).

Para poñer fin a esta situación, no manifesto fanse unha serie de propostas, que se resumen en oito puntos: de incrementar o orzamento de AP ata alcanzar o 25% do total a recuperar as Xerencias de Atención Primaria en mans dos hospitais, pasando pola reposición e incremento de todas as categorías profesionais e laborais perdidas polos recortes nos Centros de Saúde e Servizos de Urxencias (PAC),  .

Acabar coa precariedade laboral, reducir a burocracia innecesaria ou desenvolver  instrumentos de participación social e profesional, son outras das demandas.

“Consideramos que para alcanzar estes obxectivos e necesario combinar medidas de presión e de negociación: os sindicatos nas Mesas Sectoriais e os colectivos sociais e profesionais no Consello Técnico de Atención Primaria de Galicia. O Consello deberá  ser o órgano onde analizar, debater e aprobar os cambios na AP coa creación de comisións especificas e un tempo de traballo concreto das mesmas”.