Organizacións galegas fan parte do comunicado internacional que exixe unha solución ao Sáhara Occidental

Acto en prol da soberanía do Sáhara Occidental (Foto: @polisario_)

A iniciativa foi impulsada pola CIG, o sindicato saharauí UGTSARIO e o arxentino CTA-A e suma apoios de Noruega, Brasil, Francia, Uruguai, Portugal ou Chipre.

Hai unhas semanas, a CIG puxo en marcha unha iniciativa, en colaboración coa UGTSARIO, do Sáhara Occidental, e a CTA-A de Arxentina, para esixir a inmediata solución á situación que está a padecer o Sáhara Occidental. Solución que pasa pola realización do referendo de autodeterminación, tal e como se recolle en múltiples resolucións internacionais e cuxo cometido se lle encargou á Minurso, a misión da ONU para o Sáhara.

O comunicado definitivo, apoiado por case 60 organizacións, foi enviado ao secretario seral das Nacións Unidas, á Unión Africana, á Unión Europea, ao presidente dos EEUU e ao Goberno español. Cada unha destas entidades debe poñer en marcha os medios que lle corresponden para buscar unha solución xusta a esta situación.

As Nacións Unidas, para dar cumprimento ás súas propias resolucións; a Unión Africana, para que esixa o remate dunha das últimas situacións coloniais no seu continente; a Unión Europea, para que respecte a legalidade internacional e os recursos do Sáhara Occidental nos seus acordos comerciais con Marrocos, tal e como se lle pide até en dúas sentencias do Tribunal de Xustiza Europeo; ao Presidente dos EEUU, para que desminta as declaracións de Trump considerando o Sáhara Occidental como territorio marroquí; e ao Goberno español, para que deixe de inhibirse e asuma o seu papel de potencia administradora, logo da descolonización, e cumpra as resolucións internacionais que se lle esixen.

Da Galiza asinan o documento, ademais da CIG, o sindicato CUT, as organizacións agrarias Fruga e SLG, o observatorio Esculca e Sogaps. A derclaración ten o apoio de centrais de Australia, Venezuela, Francia, Euskal Herria, Brasil, Noruega, Portugal ou Chipre, entre outros países.