A Xunta anuncia un acordo con organizacións agrarias para adoptar unha "posición común" sobre a nova PAC

A conselleira de Medio Rural, María José Goméz, na reunión cos representantes de Unión Agrarias, Sindicato Labrego e Asaga. (Foto: Xunta da Galiza)
A Consellería do Medio Rural anuncia unha posición "de consenso" sobre a futura Política Agraria Común posterior a 2028, que será elevada ao Consello Agrario Galego e remitida tanto ao Goberno estatal como ás institucións europeas en defensa dos intereses do sector agrario galego.

A Consellería do Medio Rural informou esta segunda feira de que alcanzou un acordo con organizacións agrarias sobre a nova proposta da Política Agraria Común (PAC) posterior a 2028. O documento, que foi abordado na comisión de traballo específica reunida o pasado 26 de xaneiro, someterase agora á aprobación final no pleno do Consello Agrario Galego, previsto para o vindeiro día 20.

Así o informou a Consellería do Medio Rural nun comunicado, no que destaca que este foi o principal asunto tratado na reunión mantida esta tarde do 9 de febreiro entre a titular do departamento, María José Gómez, e os responsábeis das organizacións profesionais agrarias Asaga, Unións Agrarias (UUAA) e o Sindicato Labrego Galego.

No encontro, no que tamén participaron os directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e da PAC e Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, "avanzouse na conformación dunha fronte común", segundo a Xunta. O documento, unha vez aprobado polo Consello Agrario Galego, será remitido tanto ao Ministerio español de Agricultura, Pesca e Alimentación como ás instancias comunitarias, xa que inclúe peticións dirixidas a ambas as dúas institucións.

Así, o documento de consenso inclúe o rexeitamento explícito ao recorte orzamentario previsto para Galiza, de polo menos un 22 % —o que supón arredor de 80 millóns de euros anuais—, así como ao novo modelo proposto, por estar máis centralizado nos estados membros e nas rexións, deixando en mans dos seus gobernos a contía dos fondos e a porcentaxe de cofinanciamento das axudas da PAC.

Así mesmo, entre outras cuestións, esíxeselle ao Goberno central que as melloras propostas pola Comisión Europea —como o Obxectivo rural e o adianto da revisión intermedia— sexan aplicadas no Estado español polo importe máximo previsto.

Declaración sobre a aplicación práctica do acordo UE–Mercosur

A Xunta sinalou que, tendo en conta a posíbel entrada en vigor do acordo entre a UE e Mercosur, na reunión abordouse a posibilidade de elaborar unha declaración conxunta de apoio a unha aplicación práctica reforzada do tratado. Esta declaración incluiría unha serie de garantías máis específicas a poñer en marcha pola Unión Europea, o Ministerio español e o propio Goberno galego, ademais das cláusulas de salvagarda xa recollidas no acordo.

Asaga e Unións Agrarias manifestaron durante a reunión a súa vontade de elaborar unha proposta de mecanismos prácticos para a aplicación destas cláusulas de salvagarda, co obxectivo de asinar posteriormente un documento conxunto.