Ordes levántase fronte aos plans eólicos

A exposición pública do proxecto para instalar o parque eólico Ardemil, entre Ordes e Mesía, espertou as primeiras sospeitas veciñais o pasado marzo. As semanas seguintes ampliaron o foco de impacto e con el a contestación social, tras coñecerse novas instalacións de aeroxeradores na zona: A Pobra, Gasalla, Lavandeira e Monte Inxerio. Trátase dun único parque que se estendería entre a parroquia de Lesta, en Ordes, e o concello Vilasantar, con milleiros de hectáreas agrogandeiras e decenas de núcleos de poboación afectados. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 298.

“Están fragmentando o proxecto para favorecer a súa tramitación”, explican desde a plataforma veciñal Non aos eólicos en Ordes, que coordina a oposición contra o proxecto de instalar decenas de aeroxeradores de enerxía eólica na comarca. Nunha primeira fase estaban previstos parques de 50 megavatios, cuxa tramitación dependía do Ministerio. Mais a aprobación en 2017 da Lei de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais, cuxos detractores cualifican como Lei de Depredación de Galiza, abriu unha porta traseira para facilitar e axilizar os trámites administrativos e ambientais do proxecto.

 

“O que fan é retirar eses parques e crear outros de dimensións menores, duns 30 e tantos megavatios, para poder tramitalo a través da Xunta, obviar parámetros que da outra forma non poderían superar e ocultar o impacto conxunto das actuacións. A totalidade da intervención supera os 100 megavatios, o que supón a tramitación ambiental máis complexa do Estado español”, apuntan desde o colectivo veciñal en conversa con Sermos Galiza.

 

Por este motivo, a plataforma considera que o proxecto debería declararse nulo de pleno dereito. “Hai sentenzas de varios tribunais superiores, e mais do Tribunal Supremo, que din que unha intervención dun parque eólico non se pode fragmentar para obviar a súa tramitación”, recordan. Solicitan ademais que o Goberno galego exclúa a comarca do Plan Sectorial Eólico Galego, por entender que a actividade é incompatíbel co modo de vida e a economía da zona.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 298 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]