Abre a inscrición das oposicións de educación: estes son os prazos

Exame de oposición decorrido o pasado mes de xuño. (Foto: Francisco J. Olmo / Europa Press)

Persoal interino e substituto tamén deberá participar no procedemento para manter os seus dereitos nas listas

A Xunta da Galiza publicou esta cuarta feira no Diario Oficial da Galiza (DOG) a convocatoria das oposicións de educación para 2024, cuxas probas decorrerán a partir do 22 de xuño, e que contan con 1.743 prazas.

Os interesados e as interesadas deberán presentar as súas solicitudes na sede electrónica da Xunta. Poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica, incluído o sistema de usuario e chave Chave365.

Deberá procederse tamén ao pago da taxa vixente no momento da presentación electrónica da solicitude. O prazo está aberto até o 6 de marzo.

Así mesmo, e a diferenza dos procesos que decorreron durante a pandemia da Covid-19, indican que o persoal interino e substituto, que presta servizos na educación pública galega, deberá participar no procedemento selectivo, sempre que se convoquen prazas da súa especialidade, para manter os seus dereitos nas listas.

As probas desenvolveranse a partir do 22 de xuño en diferentes localidades, que se concretarán nas próximas semanas e que se publicarán no Portal Educativo.

Os requirimentos de titulación para cada un dos corpos, a documentación necesaria, o baremo e todo o procedemento relativo á presentación de solicitudes e posterior desenvolvemento do proceso pode consultarse na convocatoria.

"O obxectivo é consolidar a estabilidade do que é o piar do sistema educativo público, os docentes. Das 1.743 prazas, un total de 1.512, o 86%, son de novo ingreso. Delas, 520 son para o corpo de mestres, 875 para o de profesores de educación secundaria, 84 do novo corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP e 33 de escolas oficiais de idiomas”.

A maiores, as 231 prazas restantes son para que funcionarios docentes poidan acceder ao corpo de profesores de educación secundaria (220) ou ao de inspectores de educación (11).