As oposicións de educación serán o 18 e 19 de xuño en 14 localidades

Profesorado de Secundaria. (Foto: Isabel Infantes / Europa Press)
Nos próximos días coñeceranse os espazos concretos nos que se desenvolverán as probas.

As oposicións do ensino terán lugar na terceira fin de semana de xuño, os días 18 e 19, en 14 localidades da Galiza.

Segundo vén de confirmar a Xunta, o proceso contará cun total de 222 tribunais encargados de avaliar o corpo de mestres e mestras, que se examinarán o sábado 18, e os corpos de inspectores, profesores de secundaria, de escolas oficiais de idiomas e de artes plásticas e deseño, citados o domingo 19.

Sedes das probas

Un total de 14 localidades acollerán as probas: A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón Santiago de Compostela, Lugo, Monforte de Lemos, Ourense, O Carballiño, Pontevedra, Marín, Lalín, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

Os espazos concretos nos que se realizarán os exames publicaranse nos próximos días no portal da Consellaría de Educación.

A convocatoria contempla 2.484 prazas ás que se concorrerán arredor de 22.919 persoas.

No referido á promoción interna, o número de inscritas e inscritos nas oposicións é de 215 persoas, mentres que as restantes 22.704 persoas apuntáronse nalgunha das especialidades de novo ingreso.

Lembra o Goberno galego que, ao amparo do acordado coas organizacións sindicais, os interinos e substitutos non estarán obrigados a presentarse ao procedemento.