A oposición volta a abandonar o Pleno de Ourense despois de que Xácome expulsase unha edil

O alcalde ourensán, Gonzlo Pérez Xácome (Foto: Nós Diario)
A  ex concelleira de Democracia Ourensá, María Debuxa foi expulsada por "estar a vociferar constantemente", segundo o alcalde.

O pleno de Ourense voltou a vivir unha xornada de polémica e enfrontamento entre o alcalde, Gonzalo Pérez Xácome, e os grupos da oposición, que abandonaron a sesión despois de que a concelleira non adscrita e ex edil de Democracia Ourensá (DO) María Debuxa fose expulsada.

A pesar da saída dos edís de PSdeG, BNG, Ciudadanos e os non adscritos (excepto o  ex concelleiro de Ciudadanos Laureano Bermejo), a sesión puido continuar, xa que a permanencia de DO e PP, sumada á de Bermejo, mantivo o quórum necesario para poder celebrar o pleno. En todo caso, a sesión durou menos do previsto, xa que a maioría de iniciativas que ficaban por debater eran dos grupos ausentes.

Todo este episodio estivo motivado pola expulsión da sesión de María Debuxa, unha das concelleiras que abandonou Democracia Ourensá tras a denuncia contra Xácome. Para a oposición, a orde do alcalde non estaba xustificada, polo que decidiron saír do pleno.

O motivo esgrimido por Xácome para tomar esta decisión foi que Debuxa estaba "a vociferar constantemente" desde o seu asento no Auditorio Municipal. Ambos protagonizaran antes un enfrontamento verbal a conta dun debate sobre as asignacións económicas aos grupos.

Críticas dos grupos

Despois da expulsión, o pleno continuou co debate dunha moción do Partido Socialista para homenaxear o escritor Carlos Casares con motivo do 20 aniversario do seu falecemento. A iniciativa aprobouse por unanimidade aínda que as quendas de palabras empregáronse para criticar a actitude do rexedor, trasladando que non había motivo para a expulsión da concelleira.

O portavoz de Ciudadanos, José Araúxo, tachou a actitude de "rabecha infantil" e sinalou o alcalde. "Vostede non lembra a historia recente dos plenos de Ourense porque era vostede a persoa máis  impertinente e máis maleducada que pasou polo salón de plenos", espetou.

Na mesma liña mostrouse o portavoz nacionalista, Luís Seara, que dixo que se mantiña na sala por "respecto" á figura de Casares pero que tras votar a moción abandonaría a sesión. Con el fóronse os concelleiros do Partido Socialista, de Ciudadanos e os non adscritos de Democracia Ourensá.