Oposición veciñal ao proxecto do Concello de Salvaterra para as Minas

As Covas de Dona Urraca, en Salvaterra de Miño. Foto: Concello de Salvaterra.

O Concello de Salvaterra de Miño, presidido por Arturo Grandal (PP), vén de resucitar o proxecto dun museo dedicado ao viño nas Covas de Dona Urraca, tamén coñecidas como as Minas. O consistorio xa gastara case 200.000 euros de fondos Feder na mesma idea, pero pensada para a Casa do Conde, tamén localizada na fortaleza da vila. Nunca chegou a poñelo en marcha e o inmoble está pechado e sen actividade desde hai anos.
 

Asociación culturais como Lazoiro ou a veterana SCD O Condado -organizadora do Festival da Poesía- e as forzas políticas da oposición municipal -BNG e PSdeG- promoven un manifesto en que esixen que as covas se manteñan "como espazo público para diversas actividades" e que se paralice a iniciativa do concello. "A musealización non permitirá ningunha outra actividade cultural, vodas, exposicións, representacións teatrais", di o documento.

 

"Non se trata pois de opoñerse á construción dun museo do viño, e menos aínda nesta terra, mais un goberno non pode da noite para a mañá anunciar que todos os edificios das murallas van pasar a un único uso", engaden. O proxecto custará case 240.000 euros.

 

As Covas de Dona Urraca fan parte do Castelo de Salvaterra, de orixe medieval, situado na ribeira do río Miño que fai de fronteira con Portugal. O espazo das covas, moi utilizado polas activas entidades culturais da zona, é dos máis antigos conservados. Data do século XII. "As Minas de Dona Urraca deben continuar a ser un espazo polivalente que as achegue máis á cidadanía", conclúe o manifesto.