A operación Paz Paz: a reorganización do PSOE na Galiza

[Imaxe: Cedida] Adolfo Paz, primeiro pola dereita, nunha asemblea da agrupación do PSOE en París en marzo de 1969.
Hai cincuenta anos comezan a darse os primeiros pasos no proceso de reorganización do PSOE na Galiza. A comezos do mes de agosto de 1969, un militante procedente de Francia inicia unha xeira de contactos seguindo as indicacións da executiva do partido no exilio, que permitirá constituír o primeiro núcleo organizado na Galiza após practicamente vinte anos de inactividade política. Eis un extracto da información publicada ao respeito no número 360 do semanario en papel Sermos Galiza.

O PSOE deixa de operar na Galiza a inicios da década dos cincuenta. O partido foi reconstituído no país após o remate de 1939 coa contribución dun primeiro núcleo de vellos militantes anteriores ao 1936; un segundo conformado por afiliados doutras partes do Estado, fundamentalmente asturianos, desterrados ou confinados en diversos campos de traballo no país, e un terceiro composto por unha nova xeración que nos anos republicanos formaron nas filas das xuventudes da organización.

A aposta das democracias capitalistas en manter no poder Francisco Franco tras a finalización da II Guerra Mundial e a táctica deste partido de ligar a caída da ditadura á conxuntura internacional, operando como un apéndice da política exterior inglesa, levarán o PSOE a unha liña de repregue que rematará por illalo dos sectores máis combativos da oposición. A desaparición dos socialistas da vida política galega durante practicamente vinte anos atende a estas variábeis, sendo parella a conversión do PCE como forza maioritaria no espazo da esquerda.

Dúas organizacións hexemónicas

As organizacións socialistas hexemónicas na Galiza da década dos sesenta serán o Partido Socialista Galego (PSG) e o Partido Socialista de Interior (PSI). O PSG, constituído formalmente á volta de 1963 por arredor dun núcleo de antigos militantes do antigo Partido Galeguista e mozos confesionais coas orientacións políticas de Ramón Piñeiro, definíase como socialista non marxista e federalista, contaba co apoio internacional de Josep Pallac e da Alianza Sindical Obrera, tiña un carácter de cadros e centraba a súa actividade fundamentalmente no asociacionismo cultural.

O PSI, formalizado en 1968 baixo o liderado de Tierno Galván e do seu axudante, o ferrolán Raúl Morodo, xorde á calor das protestas universitarias da década dos sesenta, agrupando profesionais, intelectuais e estudantes nunha organización de carácter marxista. A sección galega deste partido alcanzaría certa relevancia nas loitas do 1968 compostelán, cunha importante presenza na Facultade de Ciencias, a través da súa Fronte Socialista Universitaria, e con dirixentes significados no campus como Martín de Hijas, Félix Sarmiento, Carlos e Alberte González-Garcés ou Cándido Conde Pumpido.

Primeiros movementos

O traballo de reorganización do PSOE na Galiza arranca en 1969.

Adolfo Paz Martínez era un mozo natural da Estrada que, tras traballar como camareiro e cumprir o servizo militar na localidade gaditana de San Fernando, emigra a París, onde non tardará en incorporarse á factoría da Renault, entrando de seguido en contacto cos círculos socialistas do exilio.

A través de Carme García Bloise, traballadora da empresa e peza chave no aparato do partido entre 1979 e 1994, e Xosé Paz Vazquez, antigo secretario xeral da organización na Galiza entre 1940 e 1948, intégrase en Forza Obreira, o sindicato francés de orientación socialdemócrata, e no PSOE, coincidindo coas grandes mobilizacións de 1968. Paz Martínez representaba unha excepción na agrupación socialista española de París, formada maiormente por exiliados e desterrados políticos de moita idade, converténdoo no militante ideal para desenvolver determinados traballos no interior, ao tratarse dun afiliado non fichado policialmente e dun emigrante económico.

O mes de agosto de 1969, coincidindo coas semanas de vacacións, desprázase a Galiza coa encomenda de contactar con algunhas persoas de cara a reconstituír o PSOE no país. A primeira parada na súa viaxe realizaríaa en Tolouse, cuartel xeral da dirección do partido, onde chegaría acompañado de Xosé Paz para manter unha reunión cos membros da executiva socialista a fin de fixar o seu plan traballo no interior.

Segundo Adolfo Paz, “era tal a situación do partido que a executiva socialista non tiña naquela altura nos seus ficheiros nin un só afiliado nin un só contacto en Galiza, dispoñendo despois da reunión exclusivamente cos nomes que me achegou Xosé Paz, que polas súas anteriores responsabilidades no partido mantiña aínda coñecementos”. A impresión de Adolfo Paz non foi mellor tras reunirse uns días máis tardes en Donostia con Fernando Múgica, futuro ministro de Felipe González e Defensor del Pueblo, ao tempo responsábel de organización do PSOE no interior, que lle veu ratificar o partido non dispuña de ningunha estrutura na Galiza.

[Podes ler a información íntegra no número 360 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]​