Medio Ambiente

A ONU analizará os "incumprimentos" da Comisión Europea na mina de San Finx

Ecoloxistas en Acción taponou a vía de saída de verteduras procedentes da mina.
Ecoloxistas en Acción denuncia que a Comisión "impediu o acceso" a información ambiental para "encubrir as ilegalidades na mina e da propia actuación da Xunta".

A ONU, a través do seu Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus, vén de abrir unha nova fronte pola situación da mina de San Finx. Nesta ocasión o procedemento iniciouse por mor das denuncias de varios colectivos ecoloxistas, entre eles Ecoloxistas en Acción, polo "uso de fondos europeos para pagar ao director desta mina durante un proxecto Horizonte 2020", precisan desde esta organización.

Un proxecto que, sinalan, "supuxo a realización de verteduras ilegais e, ademais, a apertura e desaugadoiro dunha nova planta mineira". A polémica comezou en 2018, cando a Comisión Europea adxudicou un proxecto de 6,9 millóns de euros a un consorcio do que era parte Valoriza Minería, filial do Grupo Sacyr, que até 2022 controlara a mina de Lousame.

O proxecto converteu San Finx nunha "zona de probas" que implicou manter a drenaxe mediante bombeo de parte da mina, "a pesar de que esta non tiña autorización de verteduras". A drenaxe por bombeo só cesou cando finalizou o proxecto. Entre 2020 e 2021, Ecoloxistas en Acción, xunto a outros colectivos, realizaron varias peticións de información á Comisión Europea, entre as que se incluían documentos que evidenciaban que os funcionarios da UE tiñan coñecemento da "situación de ilegalidade".

Con todo, censuran, "a Comisión negouse a proporcionar diversa información ambiental, incluída unha actualización do plan de restauración da mina tramitada ás agachadas pola Xunta en 2020, sen sometela ao trámite de exposición pública". Outro colectivo, Montescola, levou a negativa para proporcionar acceso á información á Defensora do Pobo Europeo, que emitiu ditame instando á Comisión para facilitar os documentos solicitados.

Despois de que a Comisión decidise rexeitar a proposta da Defensora do Pobo, abriuse a vía para que a propia ONU iniciase un procedemento contra a UE, que tamén é parte contratante da Convención de Aarhus, por "vulnerar os dereitos de acceso á información en materia ambiental".

Responsabilidade da Xunta da Galiza Para Ecoloxistas en Acción, máis aló de expor a "inacción e ocultamento da Comisión Europea", o procedemento deixa en evidencia, afirman, "como a Xunta permitiu durante anos que a empresa mineira abrise novas plantas na mina".

Todo iso a pesar de que o proxecto aprobado en 2009 "non contemplaba ditas plantas", e de que a súa apertura "implicaba necesariamente multiplicar a cantidade de auga contaminada que se vertía ao río", unha situación que se mantivo "até 2022". A organización ecoloxista sinala que tamén o paso dado pola ONU revela como a Consellaría de Economía e Industria "pretendeu encubrir as ilegalidades da mina mediante unha actualización do plan de restauración tramitada en 2020".

A actualización do Plan de restauración, que estabelece as obrigacións ambientais da explotación mineira, "tapa o incumprimento do Plan anteriormente aprobado en 2009, que contemplaba a eliminación dos vertedoiros, nunca executada, e omite o problema que supoñen as verteduras, que continuarían producíndose a perpetuidade ao non contemplar ningunha situación".

Joám Evans, voceiro de Ecoloxistas en Acción, apunta: "A actualización do Plan de restauración omite igualmente o deber da empresa de restaurar as centos de labores mineiros dispersos polas concesións —que supoñen un enorme perigo para as persoas e para a fauna— e tampouco contempla a eliminación das presas de residuos mineiros, mesmo chegando a afirmar que non son responsabilidade da empresa".