Ecoloxistas alertan que o desvío de visitas de Cíes “masifica” a illa de Ons

Praia dos Cans na Illa de Ons Imaxe de Turgalicia

Denuncian que se excede “sobradamente” a cota de 1.800 diarias previstas no plan reitor, o que pode xerar “problemas ambientais e de seguridade”.

A grande demanda de visitas ás illas Cíes está a ocasionar que se desvíen visitantes á illa de Ons para non exceder a cota de 2.200 persoas/día fixados para o arquipélago vigués. Deste xeito, a illa de Ons está a soportar unha carga de visitantes de ata 4.000 persoas/día, excedendo en grande medida as 1.800 previstas no borrador do Plano Reitor de Uso e Xestión (PRUX) que a Xunta e a Dirección do Parque Nacional levan xa 15 anos sen aprobar, coas consecuencias nefastas que isto ocasiona para a conservación dos valores naturais e para a seguridade das persoas. Esta é a denuncia que fan desde Verdegaia, que incide na importancia de aprobar o PRUX.

 

Así, indican que mentres que  o transporte de visitantes ás illas Cíes ten un máximo de 2.200 persoas/día establecido pola resolución de 3 de xullo de 2000 da Dirección Xeral de Transportes - ademais de tamén constar no borrador do PRUX- o transporte de visitantes á illa de Ons tan só está esbozado nese borrador en 1.800 persoas/día.

 

Os ambientalistas entende que para a illa de Ons a cota en tempada alta debería ser máis baixa e andar por volta de 1.200 visitantes/día de cara a garantir a debida conservación dos valores ambientais presentes nela.