Ecoloxistas critican o proxecto de Lei de Pesca Sostíbel: "Nin protexe a biodiversidade nin evita a sobrepesca"

As ONG consideran pouco ambiciosa a lei. (Foto: Opagac)

ONG instan os grupos parlamentarios a recuar e "acordar unha norma á altura dos obxectivos ambientais e pesqueiros actuais".

Organizacións ecoloxistas e na defensa do medio ambiente veñen de alertar os grupos parlamentarios de que o proxecto de Lei de Pesca Sostíbel "non cumpre" os obxectivos ambientais nin pesqueiros, polo que avisan de que a norma nace "obsoleta" porque non protexe a biodiversidade nin evita a sobrepesca. Así o denuncian Amigos da Terra, ClientEarth, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF, nun comunicado conxunto no que piden aos grupos parlamentarios da Comisión de Agricultura, Pesca e Alimentación do Congreso que aproveiten o trámite lexislativo para "acordar unha norma á altura dos obxectivos ambientais e pesqueiros actuais".

Na súa opinión, o texto proposto polo Goberno español nin considera nin afronta a crise climática e a perda de biodiversidade, polo que reclaman que melloren a norma en materia de conservación do ecosistema mariño e para lograr unha repartición xusta das oportunidades de pesca e unha gobernanza participativa.

Ao mesmo tempo, observan que malia que a lei é imprescindíbel e inclúe avances a respecto da norma que está en vigor, de 2001, carece de ferramentas "chave" para a súa axeitada aplicación que permitan un cambio de rumbo da pesca que asegure a súa sustentabilidade. De igual modo, en materia de conservación, ven "inaceptábel" a falta de ambición no que atinxe á Política Pesqueira Común e os seus regulamentos asociados, alén da carencia de claridade no referente á xestión das pesqueiras.

Tamén insisten en que é "imprescindíbel" que a futura norma inclúa a obriga de non pescar por riba do rendemento máximo sostíbel ou, no caso de non dispor de datos suficientes, garantir que se aplica o principio de precaución, así como eliminar as capturas accidentais de mamíferos, aves, tartarugas mariñas e quenllas na medida do posíbel.

Neste contexto, a responsábel de Pesca de Ecoloxistas en Acción, Cecilia del Castillo, apunta que "os recursos do mar son bens públicos, e han de xestionarse non só para que sexan rendíbeis a curto prazo, senón tamén para que se conserven no tempo". As asociacións ambientais tamén avogan por limitar o peso dos dereitos históricos de pesca na repartición a 50% en aras de aplicar tamén criterios ambientais e sociais na repartición, pretendendo unha pesca "máis xusta".

Por outra parte, as ONG mostran a súa preocupación pola falta de progreso no texto lexislativo en aras dunha xestión máis transparente e participativa, que recoñeza a coxestión ou "xestión local participativa" como mecanismo de demostrada eficacia na xestión de pesqueiras. O coordinador de Pesqueiras de WWF, Raúl García, considera este feito "incomprensíbel" dado que o Estado español "conta con algún dos marcos de coxestión con maior recoñecemento internacional".

"Non é unha vara máxica, pero demostrou que pode facilitar a transición ecolóxica xusta da pesca. O deseño dos plans de xestión das pesqueiras ou o das Reservas Mariñas de Interese Pesqueiro de maneira participativa, incluíndo o sector, administracións, comunidade científica e as organizacións ambientais, fomenta a cultura do cumprimento, a corresponsabilidade dos actores e a toma de datos", precisou.