As ONG galegas, protagonistas na axuda a Ucraína

Unha nai e os seus fillos, refuxiados da guerra lanzada por Rusia en Ucraína (Sergi Cámara / Entreculturas)

Organizacións humanitarias do país traballan sobre o terreo para protexer e garantir os dereitos básicos de millóns de persoas vítimas da invasión rusa.

Desde o inicio da invasión rusa sobre o país veciño, o 24 de febreiro pasado, os equipos especializados en urxencia puxéronse a traballar para axudar a poboación civil, tanto dentro de Ucraína, como nas fronteiras.

Durante as últimas semanas, a Coordinadora Galega de ONG de Desenvolvemento non parou de recibir chamadas telefónicas de cidadáns que queren colaborar para paliar os graves efectos humanitarios da guerra. Guerra que, por darse ás portas da UE, xerou unha resposta masiva da poboación que non sabe como canalizar ese sentimento de solidariedade.

Desde a Coordinadora chaman a pórse en contacto coas entidades especializadas en axuda humanitaria e xestión de crise para que poidan ter recursos e apoio para realizar o seu traballo sobre o terreo.

"Somos conscientes que é complexo entender que fan este tipo de organizacións e como traballan neste momento en Ucraína. Así que cremos que é mellor que sexan estas entidades e os profesionais desprazados a Ucraína quen o expliquen", comenta Sara García, directora da Coordinadora.

Atención directa de urxencia

A maioría do traballo céntrase en distribución de produtos de primeira necesidade, atención directa sanitaria e psicolóxica ás persoas que foxen dos bombardeos e coordinación da acollida de persoas refuxiadas, en primeira instancia na fronteira, e posteriormente a súa distribución por diferentes países. Especial atención, pola súa vulnerabilidade, están a ter os menores de idade e os adultos maiores.

Algunhas das ONG galegas que agora mesmo están a traballar sobre o terreo de forma coordinada con outras entidades de urxencia son Médicos do Mundo, Axuda en Acción e Farmamundi, xa curtidas en atención de urxencia; e Terra de Homes, Educo e Entreculturas, que tiveron que adaptar as súas accións en terreo á situación actual e puxeron a disposición as súas infraestruturas e persoal para atender a urxencia.