Opcións nutricionais

ONG demandan opción vexetariana e vegana nos comedores escolares galegos

Comedor escolar

Varias ONG critican a ausencia de opcións vexetariana e vegana nos comedores escolares da Galiza e instan a Xunta a poñelas a disposición das crianzas ao comezo deste curso escolar.  

Os comedores escolares galegos non contan con opción vexetariana nin vegana, segundo denuncian a organización Libera e a Fundación Franz Weber. Ambas as dúas entidades critican a ausencia dun menú vexetariano e vegano nos comedores escolares galegos e culpan a Xunta de Galiza de "negar a 5.000 nenos e nenas" unha "opción alimentaria".

Estas entidades fan fincapé nunha enquisa cidadá segundo a cal "8% das galegas e dos galegos declárase vexetariano" polo que estiman que entre 2 e 2,5% da poboación escolar non dispón dun menú vexetal nos seus comedores.

Así mesmo, ambas as asociacións expuxeron que o menú vexetariano ou vegano non se trata dunha "imposición", senón de "ofrecer unha alternativa nutricionalmente equilibrada", que responde a unha "crecente realidade social".

A ese respecto, estiman que desde 2009 na Galiza creceron 6000% estas opcións, representando 8% da poboación galega, segundo os datos que manexan estas entidades.

Así mesmo indicaron que cada vez son máis os pais e nais que tratan de lograr esta posibilidade para as súas crianzas, mais que se atopan con respostas negativas dos centros, que seguen ordes do goberno galego.

Conforme a isto, criticaron que a Xunta continúe negando "a inclusión" de opcións veganas o que "furta a posibilidade de que as familias poidan conciliar en igualdade e que as os menores poidan alimentarse de acordo a estes criterios", comentaron.