A Confederación de Anpas Galegas rexeita o feche de unitarias

Protesta contra o feche dunha unitaria. Foto: Bocixa.

A CIG lembra que a supresión de 42 aulas implica a eliminación de 62 postos de traballo en infantil e primaria.

O anuncio da Xunta de que o vindeiro curso empezará con 6 escolas unitarias menos e supresión de 67 unidades educativas continúa a sumar rexeitamento. Desde a Confederación de Anpas Galegas critican os fechamentos e recortes e pregúntanse cara a onde quer levar o goberno galego a Galiza con este tipo de medidas.

“Que Galiza pretendedes impornos?”, pregunta á Xunta nun comunicado, “Cara a que Galiza nos levades?”, “Cal é a planificación?”. A Confederación considera que desde o goberno de Núñez Feixoo están polo desmantelamento do ensino e a perda de servizos no rural. “As escolas son o último bastión que lle queda a un lugar para continuar tendo vida”, acreditan, por iso o feche de unitarias afecta toda a comunidade veciñal da zona.

De por parte, desde CIG-Ensino denuncia que a supresión de aulas implica a eliminación de 62 postos de traballo en infantil e primaria. “Os postos de traballo que se suprimen coa publicación dos cadros de persoal son un 7% máis que o curso anterior e inciden nunha perda paulatina de persoal do corpo de mestres”.

“O feche de aulas no medio rural é unha constante nas últimas décadas e viuse agudizada coa chegada ao poder de Feixoo", denuncia o sindicato, que lembra que os feches non afectan só unitarias, "tamén fechan aulas en centros rurais de tamaño medio que van ficando reducidos á mínima expresión e convertendo o seu feche nunha morte anunciada". 

Para a CIG, a "hipocrisía" do goberno galego ten no trato que dispensa ao medio rural "unha das súas máis altas cotas: ao tempo que elimina servizos públicos nas aldeas e pequenas vilas do país (escolas, centros de saúde, servizos sociais..) entoa ladaíñas e dáse golpes no peito a falar da desertización no rural e na necesidade de frear a sangría de poboación”.