“Onde están os nosos poemas?” Alumnado do IES de Cedeira mobilízase contra a censura á súa exposición

Protesta de estudantes. Cedida.

Protagonizaron unha sentada esta terza feira e esta cuarta volven protestar contra a retirada da exposición de poemas feitos no obradoiro co escritor Carlos Negro. Desde Galiza e diferentes partes do Estado chegan mensaxes de ánimo e apoio contra o que cualifican como un acto de censura. 

“Onde están os nosos poemas?”, “Todos a unha, non á censura” foron algúns dos lemas que corearon alumnos e alumnas do IES Ponte Candieira de Cedeira na sentada contra a retirada da exposición de poesía realizada por alumnos de 4º da ESO.

 

O alumnado deste centro protagonizou unha sentada esta terza feira: vestidas e vestidos de negro e con cartaces contra a censura, protestaron así contra unha medida que entenden que ataca a liberdade de expresión. A mobilización volve repetirse esta cuarta feira, vestidas de branco.

A coordinadora da Biblioteca Escolar, que impulsou o obradoiro co escritor Carlos Negro do que saíron os poemas que fixeron parte da mostra retirada, agradeceu a solidariedade recibida nestes días, mesmo de fóra de Galiza. “É algo incríbel”, declara a Sermos Galiza, e todo o que está a pasar “serve de aprendizaxe aos alumnos e alumnas, das que estamos moi orgullosas”. O propio Carlos Negro quixo transmitir o seu apoio: "Todo o meu apoio e solidariedade para esas profes e ao seu alumnado. Desde a liberdade. Desde a poesía".

 

A Consellaría de Educación nega que dese instrución ningunha para que se quitase a mostra do recinto educativo: “Unicamente se puxo en coñecemento da Inspección educativa a existencia dun texto que fomenta o sentimento de odio, algo que non pode ter cabida nun centro educativo”.