Actos de presentación

A onde chega esta semana Sermos O Diario Galego?

Presentación en Vigo

Allariz; Viveiro; Oleiros; Cangas; A Estrada; Carballo e Ribadavia acollerán esta semana os actos de presentación de Sermos O Diario Galego. Uns actos pensados para responder as dúbidas das persoas participantes e para recoller suxestións.

Sermos O Diario Galego continúa a darse a coñecer por toda Galiza. Esta semana visitaremos Allariz, Viveiro, Oleiros, Cangas, A Estrada, Carballo e Ribadavia. A primeira das paradas será esta terza feira, día 12, en Allariz. A Fundación Vicente Risco acollerá a presentación, que contará coas intervencións de Cristina Cid (concelleira); Luís Martínez-Risco (presidente da fundación) e Nemésio Barxa (membro do Consello de Administración) ás 20.30 horas.

 

Tamén a terza, día 12, ás 20.30 horas será a quenda de Viveiro. Organizado polo colectivo Pensamento e Sementeira, o acto, que decorrerá na Biblioteca Municipal, contará coas intervencións de Xulia Canoura (membro do colectivo); Mónica Pazos (secretaria xeral da Mesa pola Normalización Lingüística) e Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza.

 

A cuarta, día 13, visitaremos Oleiros. No Teatro das Torres de Santa Cruz, ás 20 horas e da man da Asociación Cultural Vieiros, Uxío Pedreira Dans (presidente da asociación); Xián Alcayde (escritor e xornalista) e María Obelleiro (directora do semanario Sermos Galiza) presentarán Sermos O Diario Galego.

 

O día 14, quinta feira, é a quenda de Cangas; A Estrada e Carballo. En Cangas, o acto, organizado pola Concellaría de Normalización Lingüística, decorrerá ás 20 horas no salón de plenos do concello e contará coas intervencións do profesor César Varela e do membro do Consello de Administración de Sermos Galiza Xoán Colazo. Ás 20.30 horas dará comezo o acto da Estrada, que decorrerá na Sala de Exposicións de Abanca. Convocada pola A.C. Vagalumes, na presentación tomarán a palabra Clara Iglesias, presidenta do colectivo; David Otero, escritor, e María Obelleiro, directora do semanario Sermos Galiza. E ás 21 horas encetará o acto de Carballo. Convocado pola Asociación Ambiental Senda Nova, terá lugar no Espazo da Natureza de Oza e contará coas intervencións de Eva Cameán Pensado, tesoureira da asociación; Jose Antonio Andrade Figueiras, escritor, e Xoán Costa, membro do Consello de Administración de Sermos Galiza.

 

Para fechar a semana, desprazarémonos a Ribadavia o sábado, día 16. A Casa da Cultura acollerá a partir das 19 horas o acto de presentación de Sermos O Diario Galego da man do caricaturista e humorista gráfico Xosé Lois González “O Carrabouxo” e de Roberto Vilameá Ponte, membro do Consello de Administración de Sermos Galiza.

 

Medio cento de actos

 

Sermos Galiza organizará medio cento de actos en todo o país ao longo do mes de xuño. Presentacións enmarcadas na campaña de promoción de Sermos O Diario Galego co fin de resolver as dúbidas das persoas presentes, de recoller as suxestións formuladas e de sumar as 3.000 subscricións que son necesarias antes do 31 de xullo para facermos viábel economicamente o diario.