sanidade pública

VÍDEO | Meses de demora para pacientes de Oncoloxía do CHUS, que denuncian a situación: "É unha vergoña"

Rosana, Belén, María e Esther, pacientes oncolóxicas do CHUS. (Fonte: Asociación de Pacientes do CHUS)
Catro pacientes oncolóxicas do Clínico de Santiago alertan da suspensión de consultas e a falta de citas para as súas revisións e tratamentos.

Rosana, Belén, María e Esther son catro de tantas pacientes oncolóxicas que se tratan no Hospital Clínico de Santiago. Catro de tantas, ademais, que teñen suspendidas as consultas de control, seguimento e avaliación das súas doenzas, con demoras de varios meses nas citas. A través dun vídeo difundido este sábado pola Asociación de Pacientes do CHUS, estas catro mulleres denuncian as múltiples trabas que atopan no día a día para loitar contra a enfermidade.

Debido ao alto risco de reproducir a doenza, salienta a asociación, os protocolos e o consenso científico sobre seguimento e avaliación de pacientes de cancro que remataron o tratamento estabelecen que "se deben realizar probas e consultas médicas cunha periodicidade de tres a catro meses durante os primeiros cinco anos", e anuais "a partir do quinto".

Desde outubro de 2022, porén, a xerencia e mais o servizo de Oncoloxía do CHUS "veñen realizando feches intermitentes das axendas de consultas externas para avaliación e seguimento destes pacientes", denuncia o colectivo, que xa leva tempo alertando das eivas neste e noutros servizos ofrecidos polo principal hospital da capital galega.

"Nestes momentos as axendas están fechadas 'sine die', con pacientes que acumulan demoras entre un e oito meses, e aos que se lles nega información verbal, completa e comprensíbel sobre o seu estado de saúde e sobre o resultado das probas diagnósticas de control", censuran.

A Asociación de Pacientes entende que tanto a xerencia como os responsábeis de Oncoloxía "vulneran as normas autonómicas sobre a estabilidade das axendas, deixan de prestar a carteira básica de servizos especializados garantidos por unha lei estatal, incumpren o dereito legal á información en relación con calquera actuación no ámbito da saúde do paciente, ignoran os protocolos en vigor sobre seguimento, control e avaliación de pacientes de cancro e actúan ao marxe do código deontolóxico da profesión médico colexial".