Ómicron é responsábel de 91,48% dos casos de reinfección na Galiza

Punto de vacinacion masiva na Cidade da Cultura (Foto: Xunta da Galiza).
Na Galiza hai actualmente 2.431.258 persoas coa pauta de vacinación completa, 90,04% do total da poboación do país.

A variante Ómicron da Covid-19 é a responsábel da meirande parte das 11.272 persoas reinfectadas coa doenza na Galiza, segundo subliñou a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade esta segunda feira.

A variante descuberta por Suráfrica a finais de 2021 foi detectada en 91,48% das persoas que pasaron como mínimo en dúas ocasións o SARS-CoV-2, desvela Sanidade. Isto supón que é causante de até 10.312 reinfeccións. Con respecto ao resto de variantes, a reinfección produciuse en 62 persoas coa variante Alpha e en 898 coa Delta.

O reporte tamén detalla os casos segundo a primeira infección. As persoas que nun primeiro intre se contaxiaron coa variante orixinal reinfectáronse en 56 casos con Alpha, 625 con Delta e 4.869 con Ómicron.

Namentres, dos pacientes que se infectaron con Alpha, seis volveron contaxiarse coa mesma variante, 187 con Delta e 2.053 con Ómicron, a variante predominante na actualidade.No que atinxe ás persoas que tiveron Delta en primeiro lugar, 86 reinfectáronse con ela e 3.390 con Ómicron.

Maior pico de casos activos durante a pandemia

Segundo os datos de Sanidade, a variante Ómicron converteuse en predominante rapidamente após a súa aparición, e xerou o maior pico de casos activos na Galiza desde o comezo da pandemia en marzo de 2020, con arredor de 79.000 infeccións no pico, unha cifra moi afastada dos 23.000 de pico da terceira onda, a comezos de 2021.

A nivel científico, o Instituto Superior de Saúde de Italia efectuou un estudo no que sostén que desde finais de agosto do pasado ano, os casos de reinfección situáronse en 3%. Esta porcentaxe descendía até 1% en outubro e principios de decembro, antes de  espallarse Ómicron.

Datos de vacinación

Na Galiza hai actualmente 2.431.258 persoas coa pauta de vacinación completa, 90,04% do total da poboación do país.

En total, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) xa administrou case 6,5 milóns de doses de vacinas. Nos últimos días, a Consellaría de Sanidade comezou a citar as crianzas de 5 a 11 anos para comezar co proceso de inoculación da segunda dose da vacina contra a Covid.