Un ollo de vidro e a tecnoloxía QR nas lápidas funerarias

Graffiti en Pontevedra da Santa Compaña

Vídeo-lembranzas, a música preferida, fotografías, biografía. A arte funeraria incorpora os códigos QR para facilitar información sobre os ocupantes dos túmulos.

 

Foi unha noite de luar cando saín da cova por primeira vez. Traballiño custoume desentoller as pernas e cando me erguín e botei a miña cachola fóra da terra, fiquei pasmado. . . Aquel ollo de vidro que de nada me servira na vida sírveme agora pra mirar.
Tolo de contento quitei o ollo, dinlle catro bicos e volvino pór no seu sitio
(Un Ollo de vidro, Castelao)

Castelao utiliza un esquelete que conta cun ollo de vidro, que en vida non lle servía para nada, para nos contar cousas do Alén. Mais desde 2012 para aquí son moitos os cemiterios que, non habendo ollo de vidro, colocan placas de código QR nos xacigos, o que permite a obtención de información sobre os ocupantes dos túmulos. Sempre que os vivos autoricen, claro. E paguen os 150 euros que pode custar.

O cemiterio de São João Batista, no Rio de Janeiro, é un deles sendo, ademais, o primeiro cemiterio da América Latina a entrar para o Google Street View, permitindo a realización dunha "visita virtual" polo seu interior.

Inaugurado por Pedro II en 1852, nunha época en que as persoas eran enterradas nos terreos das igrexas, o San João Batista reúne obras de arte de distintos estilos, de neoclásico a gótico, que foron obxecto de sinalización especial  Esculturas de Rodolfo Bernardelli e Humberto Cozzo están entre os destaques.

Mais é sobre todo o coñecemento público dos mortos que alí repousan o que lle dá esa proxección, pois este é o lugar en que se enterran todos os escritores da  Academia Brasileira de Letras. A propia Academia ten aquí o seu mausoleo.

Non ter onde caer mortos

Cando Machado de Assis fundou a Academia Brasileira de Letras, seguindo os moldes da Academia Francesa, o lema adoptado foi "Ad immortalitatem" e seica por iso os seus membros comezaron a ser chamados inmortais

Preguntaron a Olavo Bilac, o home que fixo estudos de medicina, que foi xornalista e ocupou cargos públicos, alcumado príncipe dos poetas e un dos fundadores da Academia Brasileira de Letras alén de autor do Hino à bandeira, a razón da tal clasificación. O poeta, rápido na resposta, dixo, ou disque dixo, que os escritores eran chamados inmortais porque non tiñan onde caer mortos.

No Río, a visita ao cemiterio e ao  mausoleo  da Academia Brasileira de Letras (ABL) é parada obrigatoria. O amplo espazo fica no fondo do cemiterio e ten o mesmo gardián hai 20 anos.

Alén dos códigos QR que estarán dispoñíbeis tamén para quen desexar rexistrar a historia de seus familiares, a aposta é que o San João Batista vire unha referencia en turismo, como xa acontece noutros cemiterios do mundo, como o Père Lachaise, en París, a Recoleta, en Buenos Aires, e o Saint James, en Londres. Ou os da Ruta Europea de Cemiterios Singulares entre os que está San Froilán, en Lugo, Santo Amaro, na Coruña, Santa Mariña de Dozo, en Cambados, e o Cemiterio dos Ingleses, en Camariñas.

Un panteón académico para os inmortais.

Non hai moito, un titular de xornal dicía: “Corpo de Ferreira Gullar é sepultado no mausoléu da Academia Brasileira de Letras” Foi daquela que souben que a ABL ten un mausoleo onde se enterran os membros dela. Un panteón académico. O túmulo de Ferreira, por exemplo, fica ao lado da sepultura do poeta Ivan Junqueira, a quen Gullar sucedeu en 2014 logo da súa morte, e abaixo da do poeta J. Cabral de Melo Neto.No Río, a visita ao cemiterio e ao  mausoleo  da Academia Brasileira de Letras (ABL) é parada obrigatoria. O amplo espazo fica no fondo do cemiterio e ten o mesmo gardián hai 20 anos.

Mais son moitas outras as curiosidades que atinxen a ABL. Eis algunhas.

  • Todas as quintas feiras os membro da ABL reúnense para un té na sede da institución, no Río de Xaneiro. O ritual existe desde a creación da academia. O mesmo facían os membros da Real Academia de Agricultura, que se reunían na Coruña todos os domingos á tarde.
  • Como xa vimos, Olavo Bilac dicía que os escritores eran chamados inmortais "porque non tiñan onde caer mortos". Hoxe en día, todos teñen dereito a seren enterrados no mausoleo da ABL. Todas as compañeiras e compañeiros dos inmortais teñen tamén ese dereito.
  • O alfaiate Francesco Rosalba é o responsábel da confección do uniforme de gala - ou “fardão”, como é coñecido - usado polos inmortais en ocasións formais. De 1979 a 2005, só o pernambucano Ariano Suassuna rexeitou usar as roupas costuradas por Rosalba.
  • O modelo do fardão está inspirado na roupa dos carabineiros de Calabria, Italia. Componse dunha casaca verde mofo bordada con fíos de ouro, camiseta, suspensorio e un chapeu estilo Napoleón.
  • Algúns inmortais foron enterrados usando o seu fardão. É o caso de Assis Chateaubriand. O problema foi que como el non usaba a roupa había moitos anos, cando foron vestir o cadáver tiveron que cortar a parte de tras para caber.
  • Na biblioteca da academia hai coleccións que pertenceron a Machado de Assis, Olavo Bilac e Manuel Bandeira. Entre as obras raras, figura unha edición de 1572 de Os Lusíadas, de Camões.
  • En 2005, o presentador e humorista Jô Soares publicou a novela "Asasinatos na Academia Brasileira de Letras". O lanzamento da obra foi realizado no mesmo local onde ocorren os crimes da trama: o Petit Trianon, sede da Academia Brasileira de Letras. A historia conta o caso dun asasino en serie cuxo albo preferencial son os membros da ABL.
  • Pasaron 80 anos até que unha muller fose electa para ocupar unha cadeira na Academia. A primeira foi Rachel de Queiroz, en 1977.
  • Os "inmortais" teñen, de media, 77 anos de idade. Eles foron elixidos con, en media, 63 anos.

Cemiterios multimedia

Na Galiza varios cemiterios incorporan a tecnoloxía QR. O de San Froilán en Lugo ou o de San Francisco de Ourense, mais estes códigos son para ofrecer información do cemiterio e facer unha visita guiada polo recinto. Non están nas lápidas como si están nos cemiterios de Barcelona, por exemplo.

A empresa guipuzcona Druyen Fotoerámica especializada en accesorios e elementos para arte funeraria propón o vídeo-lembranza mediante código QR para as lápidas. O vídeo-lembranza é un recordatorio dun ser falecido pero no canto de formato papel, en formato vídeo. Pode capturarse cun dispositivo móbil ou tablet a través dun código QR.

Mais, tratándose de novas tecnoloxías nada como o "Sunset Memorial Park", un cemiterio do suburbio norte de Filadelfia (este de Estados Unidos). O visitante pode escoitar as cancións favoritas do defunto, ler textos dedicados, asinar nun libro de ouro e mesmo compartir sentimentos e fotos a través de Facebook ou Twitter. Un auténtico cemiterio multimedia.

Aínda ben que na Galiza para cantar e bailar hai moito que temos habilitada a Santa Compaña!