Unha ollada histórica ás redes de trata entre Galiza e Latinoamérica

Un acto celebrado no Vello Cárcere de Lugo (Imaxe: Concello de Lugo)

A asociación Aliad Ultreia realiza a vindeira quinta feira, 19 de decembro, ás 20:00 horas a primeira edición dos faladoiros "Referentes", centrado na fundación cubana Fillas da Galiza. María Xosé Porteiro e Belén Regueira percorrerán a historia deste colectivo, que durante décadas deu apoio ás mulleres galegas forzadas a exercer a prostitución na illa. O avogado Gerardo Pardo de Vera debullará a realidade das mulleres latinoamericanas que hoxe vense forzadas a exercela en territorio galego.

A asociación lucense Aliad Ultreia organiza esta quinta feira ás 20 horas no Vello Cárcere o faladoiro "Referentes galegas: Fillas da Galiza". Nel a escritora María Xosé Porteiro e a xornalista Belén Regueira recordarán un proxecto nado en Cuba, o das Fillas da Galiza, que deu refuxio ás mulleres galegas forzadas a exercer a prostitución na illa.

Entre finais do século XIX e comezos do XX máis de 60.000 mulleres desembarcaron nas costas cubanas. A meirande parte eran mozas solteiras, analfabetas e sen redes de apoio. O servizo doméstico ou a prostitución constituían os seus principais refuxios laborais. Os homes valéronse  da vulnerabilidade destas mulleres para explotalas.

Fillas da Galiza nace en 1912. Daquela mulleres non tiñan acceso aos hospitais ou clínicas da Habana, que non atendían unha saúde agravada polo contacto con enfermidades de transmisión sexual. Estas infeccións, como a sífilis, provocaban a súa morte. O presidente cubano Jesús Rodríguez Bautista decidiu reformar o regulamento da sociedade e construír un sanatorio. As actas da propia institución recollen 36.000 mulleres e crianzas asistidas até 1956. O cubano de raíces galegas Julio César González recolleu a historia no libro Galegas en Cuba

Os camiños á inversa

No faladoiro tamén se analizará a situación das mulleres latinoamericanas que percorren o camiño inverso ao das galegas.  Gerardo Pardo de Vera, representante de vítimas de trata no marco da Operación Carioca que investigou en Lugo unha rede de prostitución, será o encargado de retratar a realidade destas mulleres e das organizacións que tratan de axudalas.