A Deputación de Lugo lanza un cribado tras o positivo en Covid do cineasta Óliver Laxe

Óliver Laxe durante a presentación da pasada terza feira que levou a Deputación a realizar un cribado (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O departamento de Medio Rural suspendeu ademais as Xornadas de Silvopastoreo e Desenvolvemento Rural "O que non arde" previstas para a vindeira fin de semana.

O Servizo de Prevención da Deputación de Lugo avanzou que realizará un cribado ás persoas que na pasada terza feira, 15 de xuño, estiveron en contacto co cineasta Óliver Laxe, positivo en Covid-19, con motivo dun acto.

En concreto, están citadas oito persoas para a vindeira segunda feira co fin de ser sometidas á realización das probas, que se realizan "para extremar as precaucións" e aplicando o seu protocolo de actuación, complementario ao do Sergas.

 Trátase dos gandeiros dos Ancares protagonistas do proxecto audiovisual de Laxe Gandaría Heroica, que estiveron presentes no acto de presentación canda a outras persoas. 

"O que non arde"

Neste sentido, o departamento de Medio Rural da Deputación luguesa emitiu un comunicado para informar da suspensión das Xornadas de Silvopastoreo e Desenvolvemento Rural "O que non arde" previstas na Casa Quindós de Vilela, en Navia de Suarna, do 25 ao 27 de xuño.

A entidade adoptou a decisión, consensuada coa Asociación Ser e a Sociedade Galega de Forraxes, de forma preventiva, "tras detectarse un caso positivo por Covid 19 entre os membros da organización e á espera de que se comuniquen os resultados das probas realizadas aos contactos directos".

Tanto o adiamento como a nova data ─sinalan na nota─ comunicaranse de forma individual a todas as persoas que xa realizaran a súa preinscrición.