A Olimpíada Solidaria da USC trocará horas de estudo por diñeiro para o tratamento de saúde mental no Congo

Estudantes na Biblioteca Concepción Arenal da USC. (Foto: USC)

Por cada hora de estudo rexistrada doarase un euro ás entidades patrocinadoras

A vixésima edición da Olimpíada Solidaria de Estudo da USC comezará esta quinta feira e estenderase até o 15 de marzo, permitindo ao estudantado universitario trocar as horas de estudo por euros que serán investidos na formación de profesionais en saúde mental para o restabelecemento psicolóxico das mulleres, menores e sobreviventes, vítimas dos conflitos bélicos da provincia de Kivu Sur, na República Democrática do Congo.

O estudantado estude nas bibliotecas da Universidade, tanto no campus de Compostela como no de Lugo, pode rexistrar as horas que invista a través dun código QR que estará á beira do cartel da Olimpíada na entrada da biblioteca. Por cada hora de estudo rexistrada, a persoa usuaria doará un euro ás entidades patrocinadoras.

No Campus de Santiago participan as bibliotecas Concepción Arenal, Bioloxía, Ciencias da Comunicación, Ciencias Económicas e Empresariais, Enfermaría, Escola Técnica Superior de Enxeñería, Filoloxía, Filosofía, Física, Matemáticas, Medicina e Odontoloxía, Psicoloxía e Ciencias da Educación, Química, Xeografía e Historia e Biblioteca Xeral. No caso do Campus de Lugo, as bibliotecas participantes son a Intercentros e a de Formación do Profesorado.

En concreto, con esta iniciativa formaranse oito doutores e doutoras, oito enfermeiros e enfermeiras, oito psicólogos e psicólogas e oito asistentes sociais en "técnicas modernas no tratamento do trauma", para atender unha poboación de 2.520 persoas, das cales unha alta porcentaxe son mulleres, nenas e nenos.

Coopera Congo (COCO) a través do seu Centro Psicosocial Mutima África, especializado en tratamento de traumas severos, porá en marcha outras tres clínicas de atención psicosocial para centos de vítimas dos conflitos bélicos na rexión de Kivu Sur. Haberá un punto permanente de atención no propio Centro Psicosocial de Mutima África onde se atenden, desde hai varios anos, vítimas de violencia de xénero, violencia sexual e diferentes traumas.

O persoal médico recibirá unha formación extra en diagnóstico e farmacoloxía psicotrópica. Calcúlase que será atendida unha poboación de 2.520 persoas, fundamentalmente mulleres e crianzas, en terapia individual, mentres que a asistente social realizará sensibilización da comunidade, a través de conferencias en radio e reunións comunais cos líderes das zonas.