Entrevista

Oiane Sagasti, directora de 'Xeración porno': "O porno é o manual do sexo para os adolescentes"

Oiane Sagasti.
Oiane Sagasti (Bilbao, 1981) visita Galiza este sábado para participar nas XXI Xornadas das Mulleres que a CIG-Ensino e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega organizan con motivo do 8-M. A directora vasca, autora da docuserie 'Xeración porno', coproducida por Shine Iberia, ETB e TV3, afondará na relación da xente moza coa pornografía e no impacto que esta industria está a ter na súa vida sexual.

—Tres anos tardaron en convencer as televisións –ETB e TV3, coprodutoras xunto a Shine Iberia– do seu proxecto sobre porno e adolescentes. En Xeración porno dan conta de como esta industria está a dominar a educación sexual de toda unha xeración de xente moza. Por que tantos reparos?
Cando os adultos escoitamos que os adolescentes ven porno, tendemos a trasladar o porno que había cando nós eramos adolescentes á situación actual. Imaxinamos o porno naif das revistas ou o único VHS que había no grupo de amigos e que rulaba de man en man. Pero iso non é a pornografía que ven agora os adolescentes. Internet cambiou as regras do xogo e conseguiu que acceder ao porno sexa súper fácil a idades moi temperás, desde os 8 anos, con contidos moi agresivos. Un 88% dos vídeos de pornografía que hai en internet conteñen violencia explícita.

Durante o proceso de creación, a nosa forza chegaba das noticias de menores violando en grupo outras menores de idade. De pronto tivemos que aprender a convivir con iso e explicalo.

—Quen busca e quen atopa quen nesta relación?
Por como funciona Internet, o porno nin sequera fai falta buscalo. Non é que os nenos de 8 anos se poñan a ver porno voluntariamente. O porno atópaos a eles. A través de banners cóanse nos videoxogos, a través de chats de Whatsapp, en grupos anónimos. Está pensado para iso, para captar a poboación moza canto antes. Entón, a primeira vez son moi pequeniños: veno, non o entenden, prodúcelles rexeitamento e quedan en shock, pero iso mesmo fai que o queiran seguir vendo. Pouco a pouco vanse convertendo en consumidores asiduos e parece que a partir dos 12 anos xa son consumidores habituais. 

—Por tanto, si existe esa xeración porno que dá nome á serie documental. 
Esa é a forza do documental. Por suposto non é a primeira vez que se fala desta problemática. A diferenza é que nós entrevistamos os adolescentes e eles din rotundamente que si. Xa non hai debate posíbel, o porno é fundamental, é o manual do sexo. Os mozos son os principais consumidores, ven porno e fano case a diario. Contan que é un proceso e que sempre vaia a máis. Todos empezan deixando que a web lles suxira vídeos, pero axiña iso lles parece pouco e empezan a buscar contidos concretos que os exciten. Cando xa se acostuman, van subindo. O sexo entre dúas persoas parécelles aburrido e cóntano así.

Adoitan ver sexo en grupo e vídeos onde hai violencia. E aquí é onde vén o preocupante: como eles descobren o sexo a través do porno, e aínda que oíron dicir que iso é ficción, cando van ter a súa primeira relación intentan reproducir o que viron aí. E o que encontran, segundo eles mesmos relatan, é unha realidade que non se parece en nada ao patrón do porno: felacións, xemidos, varios tipos de penetración. E acaban decepcionados ou frustrados, porque 'as rapazas non o curran' ou simplemente porque din 'non' ao que lles piden. 
 

—Como inflúe a industria do porno na vida sexual das mozas?O consumo de porno fai que haxa unha hipersexualización do todo. Dá igual que sexan consumidoras ou non, son vítimas. Por iso é algo que afecta a toda unha xeración. Uns consómeno e reproducen ese patrón e outras, aínda que non o vexan, convértense en vítimas porque todo o que as rodea está escrito neses códigos e nesa linguaxe.

Cóntannos que as tratan como se fosen actrices porno e esperan delas todo o que ven. O sexo anal é moi habitual en menores de idade e as felacións aseméllano a un bico, algo que mesmo poden cambiar por apuntes. Non o consideran sexo, pídenllelo e fano. 

A educación sexual que non é tal

A lei educativa obriga a impartir unha educación afectivosexual de forma transversal ao longo de todo ensino, sen unha materia nin uns contidos concretos. O que conclúen profesorado e persoas expertas en coeducación e igualdade é que na práctica non é viábel. "Se á que está vendo porno ninguén lle explica nada, non hai como compensar a información que lle chega da industria pornográfica, porque a rapazada non ten experiencia previa para chegar á conclusión de que a vida real e as relacións son outra cousa", afirma Oiane Sagasti.

"É importante empezar canto antes, apostar por unha educación progresiva na que tamén se fale do sexo en positivo e se explique que cada relación non ten que rematar en fogos artificiais, que non todas as experiencias teñen que ser unha pasada, que podes empezar algo e decidir que non che apetece seguir ou que algo non che gusta e non tes por que ofrecelo só porque cho pidan", conclúe.