[VÍDEO] Catro ocasións nas que a sociedade galega saíu ás rúas para denunciar os recortes na sanidade pública

Manifestación pola sanidade pública en Compostela. (Foto: Nós Diario)
A plataforma SOS Sanidade Pública leva anos a encabezar as reivindicacións contra a privatización do Sergas executada polo Goberno galego.

Este domingo decorreu en Madrid unha multitudinaria manifestación na que decenas de miles de persoas, entre traballadores e traballadoras do sistema público de saúde e pacientes reuníronse nas rúas para protestar contra a política sanitaria do PP en xeral e da actual presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, en particular.

Na Galiza, SOS Sanidade Pública -unha das plataformas máis potentes do Estado español na defensa dos dereitos sanitarios- leva anos a ser partícipe do proceso de mobilización social contra os recortes executados pola Xunta da Galiza no Servizo Galego de Saúde (Sergas) a través da Consellaría de Sanidade.

200.000 manifestantes nas rúas de Vigo

As rúas de Vigo acolleron en novembro de 2015 unha das manifestacións máis multitudinarias da historia da Galiza. Unhas 200.000 persoas exixiron na cidade olívica a dimisión da conselleira de Sanidade naquela altura, Rocío Mosqueira, sinalada por profesionais e organizacións sindicais pola súa “nefasta” xestión dos recursos da sanidade pública.

Aquela manifestación decorreu após o falecemento na xornada anterior dunha paciente atinxida por unha grave doenza hepática, que para as entidades convocantes poñía aínda máis de manifesto a carencia de material e de persoal no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Neste sentido, as participantes na histórica mobilización exixiron rematar coa privatización no complexo hospitalario.

Dupla xornada de folga contra a “privatización”

2013 rematou cunha das folgas sanitarias de maior seguimento da historia do país. Tanto organizacións sindicais como as formacións políticas que naquel momento integraban a oposición á Xunta no Parlamento -PSdeG, AGE e BNG- apoiaron unha mobilización que paralizou todas as áreas sanitarias durante 48 horas e que culminou con senllas manifestacións nas principais cidades.

O daquela vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, chegou a asegurar que non existían “motivos obxectivos” para a convocatoria desta folga contra a política de privatizacións levada a cabo polo PP. Unha política que, para a oposición, respondía e segue a responder a unha “estratexia premeditada” para favorecer “empresas amigas e lobbies”.

“Feixoo, atende, a sanidade non se vende”

Santiago de Compostela foi o lugar no que en febreiro de 2019 milleiros de persoas exixiron ao presidente da Xunta na altura, Alberto Núñez Feixoo, que acabase coa privatización e a precariedade no Sergas. “Feixoo, atende, a sanidade non se vende”, foi unha das consignas máis berradas aquel día polos manifestantes.

"As grandes multinacionais sanitarias viron na Galiza unha oportunidade de negocio e contan coa colaboración dese gran comercial que é Alberto Núñez Feixoo", denunciaba a actriz Isabel Risco na Praza da Quintana. "A Organización Mundial da Saúde e as revistas máis prestixiosas recoñecían que este era un dos mellores sistemas sanitarios do mundo e agora está a ser derrubado aos poucos para deixar espazo ao sector privado", clamaba daquela Risco.

A Coruña, mobilizada pola Atención Primaria

A comezos deste ano, milleiros de persoas participaron nunha manifestación na cidade herculina para reclamar a fin da precariedade na Atención Primaria da área sanitaria da Coruña e no conxunto do país. A marcha fora convocada polo colectivos de traballadores e traballadoras da Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) baixo o lema "Sen persoal non hai sanidade".

"Levamos máis dun mes de concentracións semanais co servizo de urxencias e co bloque cirúrxico. Antes do verán saímos co persoal das unidades de críticos, o ano pasado rebentou a hospitalización. É continuo. E a Xerencia non dá ningunha solución. Por iso saímos á rúa, para que poñan as pilas dunha vez, porque necesitamos aire. Precisamos osíxeno para respirar", denunciaba a Nós Diario naquel momento a presidenta da Comisión.