A Xunta di que non hai "motivos obxectivos" para a folga na sanidade

Todos os grupos da Cámara --agás o Partido Popular-- amosaron o seu apoio @s traballador@s da sanidade pública, en folga contra os recortes e privatizacións impulsados pola dereita, mentres o goberno galego defende as súas medidas.

Alfonso Rueda
photo_camera Alfonso Rueda

Mentres o goberno galego fai ouvidos xordos ás denuncias dos traballadores e traballadoras da sanidade pública, os grupos da oposición amosaron esta segunda feira o seu apoio á dobre xornada de loita convocada polas centrais sindicais contra a privatización do sistema de saúde. Segundo o vice-presidente da Xunta, Alfonso Rueda, non hai "motivos obxectivos" para encetar esta greve que visa demandar o mantemento da sanidade como servizo público face as políticas de privatización e recortes impulsados polos gobernos español e galego. 

Para a man dereita de Feijóo as medidas aprobadas --entre elas a recente Lei de garantías das prestacións sanitarias-- están "directamente guiadas polo interese público". Porén, desde a oposición desmontan os argumentos do PP e aseguran que as súas políticas "buscan aniquilar a sanidade pública" en favor das "empresas e aseguradoras privadas". 

Unha "estratexia premeditada"

Tanto o BNG, AGE como o PSdeG adheríronse nesta primeira xornada de folga ás denuncias do persoal sanitario e criticaron as declaracións feitas pola conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, quen calificou de "ideolóxico" o paro para desprestixiar a convocatoria. "O ideolóxico son os recortes, os copagos e as privatizacións" que está a aplicar o PP nun servizo público básico, asegurou a parlamentar do PSdeG-PSOE, Carmen Acuña, que para o voceiro nacional do BNG constitúe un "proceso de degradación" da sanidade "premeditado". 

BNG, AGE e PSdeG secundarán as mobilizacións convocadas polas centrais sindicais para esta terza feira

O líder nacionalista, que se reuniu esta mañá con delegad@s sindicais do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), o Partido Popular está a empregar "desculpa do aforro" para que a sanidade se torne "máis cara e de peor calidade". Unha estratexia, advirten desde Alternativa Galega de Esquerda que visa "a privatización pola porta de atrás da sanidade pública en beneficio coma sempre das empresas privadas e a costa da cidadanía", acrecentou a deputada Eva Solla. 

As políticas privatizadoras
As forzas da oposición denuncian que as políticas aprobadas polo PP responden a unha "estratexia premeditada" para favorecer a "empresas amigas e os lobbies" que "o financian en moitas comunidades autónomas, como Galiza", sentenciou Xavier Vence.

Neste senso, para o portavoz nacional da organización frontista "ecórtase en sanidade pública para fortalecer a sanidade privada e iso é un mal negocio para o país". Así, Vence asegurou que "os recortes" impulsados polo executivo galego se complementan con "medidas lexislativas cara unha progresiva privatización da sanidade pública, como o Decreto do 24 de xullo de 2013 sobre uso de medicamentos, a recente Lei de Garantías Sanitarias, ou o protocolo da Fundación 061" medidas "que favorecen a privatización incluíndo o desvío de doentes a clínicas privadas cando hai seguros que cobren os gastos". 

Xestión clínica
Medidas ás que se lle engade "a posta en marcha de áreas de xestión, non como ferramenta de mellora na xestión clínica a favor dos pacientes senón como novo mecanismo de privatización coa pretensión do PP de dotar a esas áreas de xestión de personalidade xurídica propia", explicou o voceiro da organización frontista. 

Desde as forzas da oposición súmanse ás mobilizacións comarcais convocadas polas centrais sindicais para esta terza feira. 

Comentarios