A obsesión pola iluminación ornamental ameaza a noite e as especies vivas

Detalle da proposta de iluminación da ponte de Rande asinada por Signify, propiedade de Philips.
O proxecto de iluminación da ponte de Rande non só desencadeou un tirapuxa entre PP e PSOE a conta das competencias reais da Administración galega e do Goberno estatal sobre a iniciativa que lidera a concesionaria da AP-9, Audasa. A idea de alumar a infraestrutura que dá soporte á autoestrada do Atlántico sobre a ría de Vigo volve incidir nun problema cada vez máis recorrente: a obsesión pola iluminación ornamental e o seu impacto no medio natural. 

Audasa xa ten sobre a mesa os tres proxectos definitivos que aspiran a iluminar a ponte de Rande. Tres propostas que exixen un investimento de entre 200.000 e un millón de euros. A opción máis barata, presentada por Biar Ligthing, calcula un desembolso de 226.000 euros para iluminar os tirantes da infraestrutura. Signify propón alumar e colorear os tirantes, o taboleiro e os piares por 505.000 euros. Por último, Setga ofrece dúas posibilidades. Unha de 650.000 euros que iluminaría o taboleiro da ponte mediante a fixación de 600 proxectores de luz, e outra de un millón de euros, que incluiría o alumeado ornamental dos piares e dos tirantes da ponte.

Adeus ao ceo nocturno

O anuncio de Audasa, e as primeiras probas da iluminación nocturna doutras infraestruturas como a ponte do Burgo, en Pontevedra, volve alzar a voz dos colectivos en defensa do ceo nocturno. Alertan do empeño crecente por iluminar todo o que non necesita ser alumeado. "O gran problema, con diferenza, é a mensaxe que  se dá", destaca Martin Pawley, membro da Agrupación Astronómica Ío.

"Eu pregúntome que necesidade estética hai de poñerlle luces de cores á ponte de Rande. E por que é mellor iso que a escuridade da noite", analiza Martin Pawley en declaracións a Nós Diario. "A luz é unha agresión", engade, "pero vivimos tan en desconexión coa natura que a xente xa non sabe o que é a noite. Buscala é cada vez máis difícil".

"A luz é unha agresión. Buscar a noite é cada vez máis difícil."

Nos mellores ceos da Galiza pódense ver unhas 4.000 estrelas, explica o divulgador. Nas zonas máis afastadas de cidades como Vigo, apenas unhas 100. E iniciativas como a de Audasa, di, agravan o problema e alentan unha obsesión pola iluminación ornamental totalmente inxustificada. "Mais seguro que imos ver novos intentos nos próximos anos porque é unha vía de negocio".

Martin Pawley lembra que a iluminación artificial serve para facilitar o tránsito das persoas e dos vehículos dentro das cidades. "Asumimos que é necesario para contribuír á mobilidade", aclara, máis fóra diso, incide, "está demostrado que meter luz artificial polas noites altera as condicións naturais dos ecosistemas nocturnos".

Pagada ecolóxica 

A contaminación luminosa implica problemas graves e diversos. O primeiro, apunta, de carácter medioambiental. "A introdución de luz artificial mata moitas especies vivas: aves, anfibios, peixes, plantas e, sobre todo, insectos. De feito, a perda de polinizadores é o maior desafío que enfronta o planeta xunto ao cambio climático". E aínda máis, advirte Martin Pawley, "a luz consome enerxía, en boa medida, procedente da queima de combustíbeis fósiles. Así, a produción de luz nocturna ten un grande impacto na pecada ecolóxica.

"Está demostrado que meter luz artificial polas noites altera as condicións naturais dos ecosistemas nocturnos".

A luz artificial en horario nocturno tampouco é inocua para as persoas, que se vén afectadas polas alteracións das condicións naturais da noite, sobre todo no que se refire ao sono, "un dos grandes problemas da saúde pública". Con todo, Pawley pon o foco no impacto económico, patrimonial e cultural de grandes proxectos de iluminación ornamental como o que se prevé levar a cabo sobre a ponte de Rande. 

"En todo o Estado gástanse uns 1.000 millóns de euros en iluminar a noite. A metade dos 60 ou 70 que se poden chegar a gastar na Galiza, sobra", sinala o divulgador astronómico. "Os concellos gastan millóns ao ano en luz que non precisan, e son cartos que lles regalan ás eléctricas".

Pawley avoga por devolverlle a escuridade á noite, por non estragar a paisaxe nocturna con luces de cores innecesarias e por afear o patrimonio cunha carga prescindíbel. Desde a Agrupación Astronómica Ío apostan polo desenvolvemento sostíbel da paisaxe a través da noite.