Observatorio virtual 'Stop machitroles' ou como "hackear o patriarcado"

Imaxe da presentación da Cátedra de Feminismos 4.0. (Foto: Nós Diario)
A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo (UVigo) alíanse para crear un observatorio virtual do “machismo dixital”, “Stop machitroles”, que está orientado á denuncia, anónima, deste tipo de condutas na rede, dentro da Cátedra de Feminismos 4.0.

A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo (UVigo) alíanse para crear un observatorio virtual domachismo dixital”, “Stop machitroles”, que está orientado á denuncia, anónima, deste tipo de condutas na rede.

O anuncio fíxoo esta cuarta feira a presidenta da Deputación, Carmela Silva, logo de asinar co reitor da UVigo, Manuel Reigosa, o convenio co que se pon en marcha a III Cátedra Feminismos 4.0, na que se inclúe esta iniciativa.

Silva explicou que mediante este observatorio se realizará "unha análise das redes identificando comentarios machistas e misóxinos" e crearanse microprodutos culturais de difusión virtual para dar resposta a "eses ataques".

Carmela Silva recalcou que se busca "hackear ao patriarcado e aos machistas" e "empoderar á sociedade" e, na mesma liña, Manuel Reigosa defendeu a importancia de contar cunha "presenza feminista na rede".

Cátedra Feminismos 4.0

Entre as novidades da Cátedra de Feminismos 4.0, que se presentou hoxe, inclúese unha iniciativa que busca dar resposta á "necesidade de impulsar unha Wikipedia comprometida coa igualdade", explicou a presidenta da Deputación.

Ademais, vaise lanzar unha convocatoria de axudas á investigación que contará cun orzamento de 30.000 euros e da que poden beneficiarse estudos sobre o deseño de aplicacións con perspectiva de xénero.

Así mesmo, terá lugar unha nova edición dos Premios Girl Geek Covid, para promover o estudo de titulacións científicas e tecnolóxicas por parte das mulleres, manteranse a páxina web da Cátedra de Feminismos e mais o "comité de sabias", creados nas anteriores edicións, e elaboraranse materiais didácticos destinados a pór en valor as mulleres galardoadas e as iniciativas levadas a cabo.