Lidera a Cátedra de Feminismos 4.0 da Universidade Vigo

O Comité de Sabias fúndase no acceso igualitario ao eido dixital

A terza feira foi a data elixida para a realización da primeira xuntanza do Comité de Sabias da Cátedra Feminismos 4.0 impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo.
Catedra-Sabias
photo_camera A presidente da Deputación, Carmela Silva, durante a súa intervención na xuntanza do Comité de Sabias. (Foto: Nós Diario)

O Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 levou a cabo a súa primeira xuntanza nesta terza feira, en formato virtual, para a que contou coa participación da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e do reitor da Universidade de Vigo (UVigo), Manuel Reigosa.

Deste primeiro encontro do comité saíu a súa declaración fundacional, na que se plasman os obxectivos e os eixos de actuación.

As accións transformadoras dos espazos dixitais na busca de favorecer o acceso das mulleres é un destes puntos chave, xunto ao desenvolvemento dun traballo acorde á formulación de Judy Wacjman, experta en xénero e tecnoloxía.

Así, guiado pola súa proposta, "se as mulleres non queren acceder a certos espazos ou ámbitos, hai que cambialos para que queiran ir a eles”, o Comité de Sabias trazará accións encamiñadas a lograr un futuro dixital en igualdade.

Águeda Gómez, directora da Cátedra, foi a encargada de ler a declaración fundacional. "As mulleres non podemos quedar atrás no futuro que se está a construír", dixo en referencia aos nesgos de xénero en materia de investigación científica.

Seguindo esta liña do comité, Carmela Silva apelou a loitar contra “o nesgo do sistema patriarcal nas TIC e na dixitalización”, e aproveitou para definir o Comité de Sabias como “unha rede de mulleres” que integra “voces incríbeis, que son unha gran referencia, que teñen unha mirada feminista e son imprescindíbeis”.

Ademais de  "recuperar a rica xenealoxía feminista galega repleta de mulleres das que somos herdeiras", o Comité de Sabias, puntualizou a presidenta da Deputación, tamén ten por obxectivo incrementar a participación activa das mulleres na sociedade dixital para que "teña unha mirada diferente e non volva caer nos erros que caeu a analóxica".

O Comité de Sabias está formado por 14 mulleres referentes nos seus ámbitos profesionais. Desde enxeñeiras de telecomunicacións, mecánica ou informática até expertas en física e intelixencia artificial, incluíndo tamén filósofas, matemáticas ou filólogas. Elas son: Soledad Torres, Marí Lires, Coral del Río, Amparo Alonso, Encina Calvo, Ana Jesús López, Marta Macho, Dhaunae de Vir, Susana Martínez-Conde, Luz Castro Pena, Edita de Lorenzo; Mª José Malmierca, Ana Vila e Purificación Mayobre.

Comentarios