Galiza, á cabeza das minas ilegais do Estado

Mina de San Acisclo, en Muras. (Foto: Europa Press)

O Observatorio da Minaría ratifica a situación da minaría galega. A lexislación que regula a actividade mineira no conxunto do Estado data do ano 1973.

Os traballadores e traballadoras da mina da Penouta en Viana do Bolo mobilizáronse esta terza feira nesta localidade para reclamar ao Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) o final da suspensión provisional da actividade neste xacemento. O complexo é un dos 21 da Galiza cuxo funcionamento é denunciado desde o movemento ecoloxista por considerar que non se axusta á legalidade.

O pasado 18 de outubro, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) suspendeu cautelarmente a resolución da Xunta da Galiza que hai un ano autorizou o proxecto de explotación da mina da Penouta á empresa canadense Strategic Minerals. A resolución xudicial chegou após a denuncia da asociación Ecoloxistas en Acción, que vén alertando "desde hai anos" dos "impactos da explotación mineira da Penouta, en Viana do Bolo, incluíndo as verteduras de residuos nos regos da zona e que afectan espazos da Rede Natura ”. O cadro de persoal da compañía mobilizouse para reclamar a continuidade da actividade. Neste sentido, explicaron que "75% dos traballadores son da contorna máis inmediata da explotación mineira" e denunciaron “o impacto económico e social no caso de non reverterse esta situación".

A mina da Penouta é unha das sinaladas polo Observatorio Ibérico da Minaría. A entidade, conformada por máis de 20 entidades ecoloxistas e apoiada polo Ministerio de Asuntos Sociais e Axenda 2030, acaba de presentar un relatorio onde cuestiona a legalidade e advirte do risco ambiental e sanitario de 21 complexos mineiros emprazados ao longo de todo o territorio galego.

Andalucía e Galiza, no foco

Cristóbal López, o voceiro na Galiza de Ecoloxistas en Acción, unha das entidades promotoras do Observatorio Ibérico da Minaría, sinala a Nós Diario que “Andalucía con 23 casos e Galiza con 21 son as comunidades autónomas do Estado onde hai documentadas máis explotacións mineiras en situación irregular”. Na mesma perspectiva, indica que “isto non quere dicir que non haxa máis casos na Galiza, simplemente que estes son os identificados”.

A Mariña, Bergantiños e a Costa da Morte son as comarcas máis afectadas pola actividade mineira irregular. Así, na primeira zona, emprázanse xacementos como a canteira do Castro da Trinidade, en Mondoñedo, as turbeiras do Buio e do Xistral, situadas sobre Rede Natura no concello de Viveiro e a mina de Silán en Muras. Precisamente, o 15 de xuño o TSXG suspendeu a autorización a esta mina pola súa proximidade aos espazos protexidos, dando a razón á veciñanza da localidade e ao Concello de Muras.

Bergantiños, pola súa parte, enfronta a problemática xerada por varios xacementos abandonados que seguen a ser importantes focos de contaminacións. Un caso paradigmático son as antigas minas de Monte Neme, unha explotación de volframio sen actividade desde 2014 e en cuxo cume se atopaba un crómlech destruído na década dos anos 60. Porén, este complexo emprazado nos límites do concello de Carballo e Malpica segue xerando, segundo o Observatorio Ibérico da Minaría, “contaminación permanente das augas con metais pesados”.

A lexislación mineira

As minas de Touro, San Finx en Lousame ou Varilongo en Santa Comba son outros xacementos referidos no relatorio do Observatorio Ibérico da Minaría. Segundo López, este documento pretende “pór de relevo a forma de actuar do sector mineiro e a conivencia da Xunta da Galiza cun sector que representa un gran problema para o medio ambiente e para a saúde das persoas”. Nesta dirección, apunta contra a minaría metálica, "porque é a máis perigosa, ao emitir materiais moi contaminantes ao medio”.

López reclama unha nova lexislación nesta materia. A este respecto, afirma que “a normativa vixente é moi permisiva, ao tratarse dunha lei moi antiga, que data do ano 1973, sen que até o momento existise vontade de elaborar outra axeitada aos tempos actuais”. Neste sentido, insta a Xunta da Galiza a “redactar unha norma que protexa o territorio e que remate co deseño que pretende converter a Galiza en zona de sacrificio a nivel mineiro”.