O Observatorio da Mariña pola Igualdade adica a Axenda Feminista 2016 ás científicas galegas

O colectivo aposta nesta sexta edición por “mulleres galegas ou mulleres vencelladas a Galiza que dende os seus proxectos de investigación contribúen día a día a mellorar as nosas vidas”.


O Observatorio da Mariña pola Igualdade ven de editar a Axenda Feminista 2016 . Doce científicas son as protagonistas desta sexta edición. “Mulleres galegas ou mulleres vencelladas a Galiza que dende os seus proxectos de investigación contribúen día a día a mellorar as nosas vidas”, asegura o colectivo nun comunicado.

O Observatorio destaca que se os avances en ciencia e tecnoloxía non adoitan ter o recoñecemento social que se merecen “a invisibilización é moito maior cando se trata de mulleres”. Un homenaxe a todas esas mulleres tanto “ás pioneiras que abriron o camiño como María Sklodowska Curie, Lise Meitner ou Rosalind Elsie Franklin, como ás que seguiron”.

As protagonistas da Axenda Feminista 2016 son Vanessa Valedeiglesias García (do campo da Toxicoloxía Xenética); Josefina Ling Ling (Astronomía e Astrofísica); Aida Fernández Ríos (Bioloxía Mariña); África González Fernández (Inmunoloxía); Sonia Villapol Salgado (Neuroloxía); Alicia Estévez Toranzo (Microbioloxía e Parasitoloxía); María isabel Fernández García (Química inorgánica); Gloria Revilla López (Fisioloxía Vexetal); Elena Vázquez Abal (Xeometría e Topoloxía); Susana Martínez Conde (Neuroloxía), Ana María González Noya (Química inorgánica) e María Isabel Loza García (Farmacoloxía). 

A axenda contén textos e imaxes de cada científica, para coñecer mellor os seus traballos e respectivas especialidades. A autora das tapas é a deseñadora Oreli Pello. Xa está á venda, por un prezo de 13 euros, e os puntos de compra poden consultarse nesta ligazón.