A vía pública continúa a ser o principal escenario da LGTBIfobia na Galiza
A asociación ALAS A Coruña, responsábel do Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia, vén de presentar o informe anual baixo o título Un compromiso colectivo. O documento analiza 205 casos rexistrados en 2024, o que supón unha media de catro novos cada semana, e constata que un de cada cinco ten relación con incidentes de odio.
O Observatorio, único servizo destas características na Galiza, leva en funcionamento desde 2017 co apoio do Concello da Coruña. No ano pasado realizou 294 atencións, comunicadas por 193 persoas e 12 entidades ou administracións, o que evidencia a súa crecente relevancia social.
Segundo o informe, o 74% das persoas atendidas son do Estado español, mentres que o 26% proceden de 20 países distintos. Máis da metade das usuarias residen na cidade da Coruña, aínda que tamén se rexistran casos do resto do país.
Intervencións socias, sanitarias e legais
No que atinxe ao tipo de demandas, predominan as atencións de carácter social, seguidas polas relacionadas co ámbito sanitario e legal.
Aliás, o informe documenta un total de 42 incidentes de odio, dos que 33 poden ser cualificados como agresións directas contra persoas LGTBI+. A cifra supón un lixeiro descenso con respecto ao ano anterior, mais confirma a persistencia da violencia.
A vía pública aparece, por quinto ano consecutivo, como o principal escenario destes incidentes, seguida dos espazos de lecer e do ámbito doméstico. Para ALAS A Coruña, isto evidencia a necesidade de reforzar a prevención.
A presidenta da entidade, Ana G. Fernández, subliñou que "nun ano marcado polo proceso xudicial do caso Samuel é chave que as administracións continúen a apostar polo traballo de investigación e prevención da LGTBIfobia que desenvolven os observatorios".