O observatorio climático reprende a Xunta por incumprir o Acordo de París

Ogacli advirte contra os riscos da eólica terrestre. (Foto: Luis Vilanova)
O Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli) acusa a Xunta da Galiza por  incumprir o Acordo de París.

O Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli) vén de denunciar que a Axenda enerxética da Galiza 2030  “atrasa a neutralidade climática de 2040 a 2050 e non procura unha redución das emisións de gases de invernadoiro de  65% en 2030, con respecto a 1990, polo que non está en liña coa meta máis ambiciosa do Acordo de París,  evitar un quecemento global superior a 1,5⁰C”

O estudo elaborado por Ogacli sinala que “a redución do consumo galego de enerxía primaria procurada pola axenda enerxética é de só o 19% en 2030, en comparación con 2019”.

Nesta liña apunta que “a diminución do consumo debería aproximarse a 40%, para o cal sería preciso un salto na electrificación da economía, a aceleración da rehabilitación enerxética de edificios, o decrecemento da mobilidade en coche e camión e melloras notábeis da eficiencia enerxética nos sectores produtivos”.

A entidade entende que a proposta  do Goberno galego “confórmase cun crecemento moderado da cota de renovábeis no consumo de enerxía final, que acadaría 58% en 2030, 19 puntos máis que en 2019”.

Neste sentido, aposta por “lograr un aumento ambicioso da participación das enerxías renovábeis, para o que cómpre, por un lado, reducir fortemente a actividade do sector enerxético fósil e o  consumo galego de enerxía e, por outro lado, intensificar o crecemento das renovábeis térmicas diferentes da biomasa e das renovábeis eléctricas diferentes da eólica terrestre, nomeadamente da solar na modalidade de autoconsumo”.

O colectivo considera que a Xunta da Galiza “renuncia a unha produción eléctrica 100% renovábel en 2030".