O Goberno, en contra do criterio do Executivo estatal, avoga por manter a máscara nos recreos

Rapazada do CEIP Manuel Mallo de Nadela, durante o primeiro día do curso escolar 2021-22 (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
A Consellaría de Sanidade "recomenda" os casos nos que debería seguir a empregarse a máscara ao ar libre. ENQUISA | Estás de acordo coa supresión da máscara en exteriores?
Esta quinta feira entrou en vigor a norma aprobada a pasada terza polo Goberno estatal no que atinxe ao uso da máscara en exteriores, cuxa obrigatoriedade agora só se impón nos eventos multitudinarios que decorren en espazos ao ar libre cando as persoas asistentes estean de pé, ou, no caso de estaren sentadas, cando non se poida manter unha distancia de seguridade de, cando menos, 1,5 metros entre persoas ou grupos de conviventes.

Tamén segue a ser obrigatorio o seu uso nos medios de transporte público, incluíndo os andéns e estacións de autobús ou tren, así como en calquera espazo fechado de uso público ou que estea aberto ao público.

Porén, que acontece cos patios dos colexios, onde malia estar a rapazada ao ar libre poden producirse certas aglomeracións?

A Consellaría de Sanidade vén de aclarar esta cuestión a través dun comunicado: "As persoas expertas do subcomité clínico lembran que esta cuarta feira comenzou administrarse a segunda dose da vacina contra a Covid-19, polo que, até que as mozas e mozos teñan a pauta completa,  o recomendábel é seguir coa máscara onde haxa un número elevado de persoas que compartan un mesmo espazo exterior, un espazo onde habitualmente toman bebidas ou alimentos".

Deste modo, a Xunta "recomenda" que a sociedade siga "actuando con responsabilidade", ao tempo que lamenta que a norma "non sexa máis explícita, posto que pode dar cabida a interpretacións, ao entrar en contradicións coas normas previstas no protocolo estatal".

De feito, Catalunya, Estremadura, Cantabria, Madrid, País Valencià, Castela e León, Castela-A Mancha e Asturies xa confirmaron a retirada da máscara dos recreos, e a ministra de Educación, Pilar Alegría, celebrou a noticia esta quinta feira: "Volver ver os seus sorrisos é unha gran noticia".

Con todo, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, apuntaba esta cuarta feira que consultará ao comité clínico a posibilidade de mantela obrigatoria no patio dos colexios.