Obras de conservación na A-55 en Tui fecharán un carril até xuño

Tramo da A-55 no que o tráfico se verá afectado. (Foto: Mitma)

Os temporais do inverno provocaron desprendementos nos noiros da autovía.

As obras de mantemento e estabilización dos noiros da autovía A-55 á altura do termo municipal de Tui obrigarán a desviar o tráfico en sentido Portugal por un único carril.

Así o deron a coñecer esta segunda feira, 17 de abril, fontes do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma).

Os traballos desenvolveranse no quilómetro 28 da autovía e producirán afectacións ao tráfico desde esta terza feira ás 8 horas até o 30 de xuño de 2023.

Segundo explicou o Mitma, para levar a cabo estes traballos de conservación será necesario o corte total da calzada dereita en sentido Tui/Portugal.

Así, desviarase o tráfico a través da calzada sentido Vigo, estabelecéndose un carril por sentido en configuración bidireccional entre os quilómetros 27 e 28 da A-55.

Desprendementos

Os temporais de chuvia do pasado inverno produciron un desprendemento nos noiros da calzada. Os materiais chegaron a ocupar parte do carril dereito, o cal permaneceu fechado ao tráfico desde que aconteceron os desprendementos.

Após a retirada do material e a limpeza, así como o resto de actuacións preparatorias, esta terza feira comezará a seguinte fase dos traballos.