O buque que verteu fuel na Illa de Arousa deberá pagar 230.000 euros máis unha posíbel sanción

Unha persoa recolle os restos de chapapote na Illa de Arousa (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press).
O sinistro non transcendeu até esta terza feira pola alerta xerada entre os habitantes da Illa de Arousa coa chegada de 'galletas' do combustíbel.

O portacontedores 'WEC Vermeer' verteu a seis millas das Illas Ons uns 150 litros de fuel o pasado domingo, segundo as estimacións declaradas polo propio mercante no marco do expediente que abriu Capitanía Marítima polo accidente.

O sinistro non transcendeu até esta terza feira pola alerta xerada entre os habitantes da Illa de Arousa coa chegada de 'galletas' do combustíbel.

A Dirección Xeral da Mariña Mercante manifestou que Capitanía Marítima abriu un expediente administrativo sancionador, o que provoca a retención do barco no porto de Vigo.

Con todo, o buque poderá abandonar esta base unha vez faga as reparacións oportunas e entregue na Caixa Xeral de Depósitos de Garantías por importe de 230.000 euros para facer fronte tanto aos posíbeis custos de limpeza polos restos de contaminación, como a sanción que poida recaer na resolución do expediente por descarga contaminante ao mar.

As alarmas saltaron ao fío das 11 horas desta terza no pequeno municipio arousán cando a veciñanza notou "un forte cheiro a gasoil".

A concelleira de Medio Ambiente da Illa de Arousa, Gabriele von Hundelshausen, lamentou que "non se aprendeu nada daquela época [do Prestige]". "Deberiamos ser mellores", apuntou.

Activado o plan de emerxencia

Desde a mañá da terza, cando o CCS Finisterre e a Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa tiveron coñecemento da aparición de pequenos restos de hidrocarburo no medio das algas na praia do Chazo, activouse o Plan Marítimo Nacional en fase de alerta, así como o Plan Ribera (Miteco) e o plan territorial Camgal-Xunta da Galiza.

Así mesmo, mobilizáronse de novo medios aéreos (Pesca 1 da Xunta) e da embarcación 'Salvamar Sargadelos' de Salvamento Marítimo, que inspeccionaron a Ría de Arousa.