VÍDEO | Aparecen 'galletas' de chapapote na illa de Arousa

A orixe da vertedura aínda se descoñece. (Foto: PDRA)
As verteduras afectaron os areais de Ribeira do Chazo e Testos.

En varias praias do municipio da Illa de Arousa apareceron na mañá desta terza feira numerosas 'galletas' de chapapote mesturadas no medio das algas, tal e como se ve nun vídeo da Plataforma en defensa da Ría de Arousa.

Segundo apuntaron fontes municipais, até o momento descoñécese a orixe da vertedura, se ben indicaron que provén da ría e que operarios municipais traballan na limpeza de zonas afectadas.

Os areais nos que xa se avistaron estas substancias son os de Ribeira do Chazo, perto da Casa Consistorial, e Testos. O 112 apuntou que pouco antes das 12 horas recibiron a chamada do propio Concello.

Desde a PDRA apuntan que a aparición destas galletas son "unha boa demostración prática de que non funcionan os mecanismos de detección de vertidos no mar. Moita propaganda pero os feitos falan por sí mesmos".

Así, explicaron que se mobilizou o Salvamar Sargadelos e o helicóptero Pesca I, co obxectivo de tratar de pescudar a posíbel orixe destas manchas.