A superficie arrasada polo lume en Ribas de Sil supera as 1.500 hectáreas

Un cartel calcinado no medio dunha zona arborada arrasada polo lume (Foto: @AT_Brif)

Os traballos de extinción evolucionan de "forma favorábel" segundo a Consellaría de Medio Rural que vén de actualizar as medicións sobre o terreo. Con menos fume e maior control sobre o perímetro do incendio que afecta a ribas de Sil, Quiroga e pobra do Brollón, apunta 1.450 hectáreas calcidanda.

 

O incendio declarado en Ribas de Sil, na comarca de Quiroga, arrasou xa unhas 1.450 hectáreas, segundo as últimas estimacións da Consellaría de Medio Rural

É o primeiro gran lume forestal rexistrado na Galiza nos meses de estío. Iniciouse contra o mediodía desta segunda feira na parroquia homónima de Ribas de Sil, tras se orixinar outro na noite do domingo na parroquia de Nogueira, cunhas 140 hectáreas queimadas. Xuntos, superan xa as 1.500 hectáreas calcinadas na Ribeira Sacra

Nas últimas horas avanzou sen control e converteuse no máis voraz, alentado pola forza do vento e as altas temperaturas. Tras a incorporación dos medios aéreos de extinción, coa luz do día, a situación segue a ser complicada. De feito, mantense o nivel de alerta pola proximidade do lume ás casas no lugar de Rairos malia non supor xa un risco extremo para as persoas.

As brigadas de extinción xa lograron fixar o perímetro do incendio e traballan para poder controlalo. Mobilizáronse siete técnicos, 17 axentes, 49 brigadas, 22 motobombas, cinco pas, oito avións e 14 helicópteros; aos que se sumaron 137 efectivos e 56 vehículos da Unidade Militar de Extinción.

As lapas provocaron problemas de circulación na estrada N-120 e cortes nas comunicacións que afectaron aos equipos antiincendios.

Os traballos de extinción continúan. A amplitude do perímetro dificultou o control do lume, que se centrou sobre todo no contorno dos núcleos de poboación.

Intencionado

O conselleiro de Medio Rural, José González, asegurou esta segunda feira, desprazado á zona, que o lume é "claramente intencionado", con base nas investigacións realizadas.

A este respecto, sinalou a situación de "dificultade" climatolóxica, con temperaturas duns 34 graos, forte vento e un índice de humidade "moi alto". Por iso, sostivo que "o que prendeu" este lume "sabía perfectamente o dano que estaba a facer".

Outro incendio en Chandrexa de Queixa

Doutra banda, Medio Rural confirmou que o incendio forestal orixinado no municipio de Chandrexa de Queixa foi controlado na mañá desta terza feira. A falta de confirmar as cifras definitivas, o último balance apuntaba unhas 50 hectáreas na parroquia de Requeixo.