O xuízo do Prestige continúa coa declaración de Mangouras

Apóstolos Mangouras no xuízo
As instalacións de Expocoruña retoman o xuízo pola catástrofe do petroleiro coincidindo coa data do primeiro SOS en 2002. Greenpeace despregou unha pancarta na entrada en sinal de protesta polos ausentes no banquiño dos acusados.

 

O macroxuízo polo desastre do Prestige retomouse hoxe, 13 de novembro, cando se cumpren 10 anos da primeira chamada de socorro por parte do petroleiro ás autoridades marítimas. Do mesmo xeito que a primeira sesión celebrada o mes pasado o interese presencial nesta vista aberta protagonizouna a prensa nacional e internacional. Antes de comezar membros da organización ecoloxista despregaron unha enorme pancarta amarela no exterior, na parte superior da entrada de público e medios de comunicación, exixindo saber "onde están os responsábeis?" enriba das fotografias de Fernández de Mesa, Cañete, Rajoy e Álvarez Cascos.

Mangouras asegurou descoñecer que o petroleiro tiña prohibida a entrada en Cuba, USA, Irán, Israel, Australia, Nova Zelandia, Dinamarca

Mangouras responde ao fiscal

O capitán do buque, Apóstolos Mangouras, respondeu na primeira hora do xuízo ás preguntas do ministerio fiscal. Mangouras asegurou descoñecer que o petroleiro tiña prohibida a entrada en Cuba, USA, Irán, Israel, Australia, Nova Zelandia, Dinamarca e asegura que descoñecía o contrato onde aparecían explicados estas indicacións. Tampouco sabía nada dos contratos de anteriores viaxes.

O fiscal insiste nas catro viaxes anteriores nas que nunca se excederon as 60 mil toneladas. O fiscal centrouse nas inspeccións nos tanques de lastre zona sensíbel do barco. "É normal que sufran neste tipo de barcos", asegurou o capitán do petroleiro. Mangouras asegurou que "non participaba, non podía intervir nas inspeccións".