O vigués David Reboredo sae do cárcere após o indulto parcial concedido polo Goberno español

[Imaxe: SG]
Cumprirá a outra condena, imposta en 2007 e cuxo indulto fica aínda sen resolver, nun réxime de semi-liberdade no centro de inserción social Carmen Avendaño. O Goberno español conmutou a condena de 2010 por unha multa de 1.440 euros, que deberá pagar en dous anos a razón de dous euros ao día


O vigués David Reboredo, condenado a sete anos de cárcere por vender dúas papelinas de heroína que sumaban entre ambas 400 miligramos de substancia psicoactiva, vén de abandonar a prisión da Lama, en Pontevedra, após o indulto parcial que lle foi concedido polo Goberno español para substituír unha das dúas penas impostas por unha multa.

Saíu do centro penitenciario ao redor das 9.30 da mañá desta segunda feira e ás 16.30 ingresará no centro de inserción social Carmen Avendaño á espera de que se concreten as medidas en que se materializará o réxime de semi-liberdade que lle foi concedido, un segundo grao con efectos de terceiro.

Segundo informou o seu avogado, Guillerme Presa, a posta en semi-liberdade de Reboredo chega despois de que Institucións Penitenciarias decidise aplicar no seu favor o artigo 182 do regulamento penitenciario, que permite o cumprimento de condena en unidades como un centro de deshabituación. Con todo, Presa descoñece aínda "como se concretará" esta decisión ao redor de cuestións como se o vigués terá que levar unha pulseira ou se terá que durmir todas as noites no centro ou poderá pasar as fins de semana na vivenda familiar. Polo día fará parte do Programa de formación e integración social da Asociación Érguete e continuará co seu traballo de axente de saúde no centro O Imán, tal e como viña facendo antes de entrar no cárcere.

A pena que lle conmutaron por pena pecuniaria --multa de dous euros ao día durante dous anos-- foi a imposta pola Audiencia de Pontevedra en 2010, de tres anos e medio de cadea. Fica pendente de resolución --"e espero que se lle conceda tamén", di Guillerme Presa, a petición de indulto para a primeira condena, tamén de tres anos e medio de prisión e imposta en 2007. 

O caso de David Reboredo, ano a ano

Repasando de maneira cronolóxica o caso de David Reboredo, o vigués foi collido nunha transacción en 2006, entrementres intercambiaba con outro toxicómano unha papelina de 300 miligramos de heroína. Meses despois tivo lugar a vista oral na sección 5ª, aplicándolle a atenuante de drogadicción e tomando en consideración que os seus antecedentes penais --por delitos menores vinculados á adición que padecía-- ficaban cancelados desde 1996. Aínda así, condenárono a 3 anos e medio de prisión.

Ao ser enxuizado na Audiencia provincial o único recurso que cabe é de casación, e preséntase perante o Tribunal Supremo. Tal e como recorda Marcos Reboredo, con tal recurso pídese a anulación dunha sentenza porque durante o xuízo se interpretou mal unha norma ou se vulneraron os dereitos d@ acusad@. Non era o caso de David. O Supremo denega o recurso e o vigués ten que entrar no cárcere.

Con todo, a familia reclamou a suspensión da privación de liberdade e a conmutación por outra pena. Concedéuselle en 2008, baixo dúas condicións: que non delinquise e que non consumise. En 2009, a policía española colleu David durante unha segunda transacción, de 100 miligramos, e quixo envialo de volta ao cárcere. A comezos deste ano solicitáronse dous indultos, un por cada pena imposta, que xuntas suman sete anos de privación de liberdade.

Entrementres se tramita o perdón, a pena fica suspendida. Até doce organizacións que traballan man a man con persoas toxicómanas asinaron un escrito apoiando o indulto para David, pois durante o tempo que ficou fóra do cárcere traballou como axente de saúde en O Imán --a persoa que media entre toxicóman@s e o centro de tratamento, estabelecendo unha relación de confianza para que acepten de bo grao a terapia.

David traballou arreo neste centro entre 2007 e 2012. Quen o coñece defende que está "completamente rehabilitado". Porén, o goberno español denegoulle os dous indultos. Un en setembro e o outro en outubro, sen argumentar motivación algunha, pois a lei que regula os indultos, de 1970, non obriga a facelo.

Até dous indultos para os Mossos que lle meteron a un detido unha pistola na boca

En once meses na Moncloa, o PP indultou en até 468 ocasións. Houbo casos que espertaron polémica entre @s profesionais da xustiza, como o indulto aos militares José Ramón Ramírez e Miguel Ángel Sáez, condenados por falsearen a identidade de 30 d@s 66 mort@s no accidente do Yak-42; o indulto ao ex alto cargo de Unió Democràtica de Catalunya Josep M. Servitje e ao empresario Víctor M. Lorenzo, sentenciados por desviaren fondos encargando informes "inútiles" e cuxo perdón non recibiu o visto e prace do tribunal que os condenara.

Tampouco a Audiencia de Barcelona estivo de acordo na extinción da responsabilidade penal que o ministerio de Xustiza decretou para catro mossos d'Esquadra que foran condenados por torturas e aos que xa se lle concedera outro indulto. Así, o ministro Gallardón librounos do cárcere ao rebaixarlle a dous anos a pena imposta, de catro anos e medio, ao considerar probado o maxistrado encargado do caso que apalearan, ameazaran e chegaran a lle meter ao detido unha pistola na boca.

Por non teren antecedentes, non terían que entrar en prisión após a rebaixa da pena de febreiro, mais a Audiencia barcelonesa decretou igualmente o seu ingreso no cárcere. Porén, o goberno español volveu indultalos, conmutándolles a privación de liberdade por unha multa de dez euros ao día durante dous anos. Malia todo dque tiña este vigués de 43 anos, o indulto non podía vir "así por así".