O TSXG recibe as apelacións contra a condena ao home que asasinou o seu sobriño de tres anos en Compostela

Sede do TSXG na Coruña. (Foto: Xoán Roberes)
A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago de Compostela, condenou o pasado mes de febreiro a prisión permanente revisábel, de acordo co veredicto do xurado, ao home que en 2020 asasinou o seu sobriño de 3 anos en Santiago de Compostela.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) acollerá esta segunda feira a vista de apelación contra a condena a prisión permanente revisábel do home que asasinou o seu sobriño de tres anos en Santiago de Compostela.

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago de Compostela, condenou o pasado mes de febreiro a prisión permanente revisábel, de acordo co veredicto do xurado, ao home que en 2020 asasinou o seu sobriño de 3 anos en Santiago de Compostela.

En concreto, os feitos sucederon na tarde do 21 de setembro, cando o home se atopaba na casa dos seus pais, avós do neno, ao coidado dos seus sobriños. O pequeno, tal e como recolle a sentenza, pediulle entón que o acompañase ao baño.

Ambos se dirixiron a un dos baños da planta superior da vivenda e o condenado fechou -con chave no primeiro caso- a porta de acceso á planta e a do propio cuarto de baño.

Alí, colocouse sobre o menor, inmobilizándoo, e tapou o seu nariz e boca cunha man, mentres coa outra lle suxeitaba o pescozo, o que ocasionou a súa morte por asfixia. Foi o pai do menor o que "botou abaixo as dúas portas" fechadas e "descubriu o acusado" encima do neno, unha situación que tamén foi presenciada pola nai da vítima, recolle o auto.

A sentenza

Na sentenza, a maxistrada recolleu, apoiada no veredicto de culpabilidade, que o menor "non tivo posibilidade de reacción defensiva nin de auxilio por terceiros" no momento dos feitos, como así apuntaron tanto as probas periciais como as testemuñas.

"O Xurado declarou que o neno non puido defenderse do ataque do seu tío, a quen acompaña ao baño coa confianza que lle ofrecía, como reflectiu a autopsia", apunta a sentenza, que recolle o modus operandi no cal o condenado fechou con chave tanto a porta da planta como a do baño, "sen que de feito os pais puidesen fatalmente chegar a tempo, tendo que retirar o acusado de encima do neno, onde aínda seguía persistindo na súa acción".

Ademais, o Tribunal do Xurado rexeitou que o condenado, no momento dos feitos, tivese anuladas por completo as súas facultades mentais intelectivas ou volitivas e, por tanto, "a súa capacidade para comprender o feito e a súa ilicitude así como a súa capacidade de autodeterminarse para actuar conforme á devandita comprensión".

Do mesmo modo, descartou que "presentase unha afectación grave das súas facultades mentais sen chegar a producir a anulación nin tampouco que as tivese diminuídas levemente". A estas conclusións chegou, segundo a sentenza, baseándose no informe da psiquiatra forense, a declaración dun neurólogo e a dun neurocirurxián.

A defensa do condenado, que recorreu a sentenza ante o alto tribunal galego, mantivo sempre que os feitos sucederon durante un brote psicótico e que, por tanto, o home non era consciente dos seus actos.