O secretario comarcal da CIG foi golpeado e insultado durante a súa detención na comisaría de Ferrol

Detención X.M Pintos
Xesús A. López Pintos, secretario comarcal da CIG de Ferrol foi detido durante a protesta do naval nun acto electoral do PP. López Pintos pasou a disposición xudicial esta mañá e ficou libre con cargos.

López Pintos pasou a disposición xudicial tras toda unha noite na Comisaría de Ferrol, onde foi levado polos axentes tras ser detido nunha protesta de 300 operarios do naval ante o lugar de inicio de campaña do PP. Segundo denunciou Manel Grandal, responsábel da central nacionalista nesta comarca, López Pintos tería sido golpeado e insultado durante a súa estanza en Comisaría. Uns feitos que xa están en mans dos avogados do sindicato para presentaren a correspondente denuncia.

"Cada certo tempo ían (os policías) canda el e dábanlle golpes e insultábano, non só a el senón tamén ao sindicato", afirma Grandal. Manel Grandal asegurou que o propio xuiz ante o que tivo que comparecer López Pintos na mañá desta sexta "dixo que ía investigar o acontecido en Comisaría".

Este responsábel da CIG xa anunciou que a central "vai exixir responsabildades e explicacións" polo sucedido en Comisaría mais tamén pola actuación policial na protesta dos operarios do naval.

Libre con cargos

Tras prestar declaración ante o xuiz, López Pintos ficou en liberdade con cargos e coa obriga de presentárense unha vez ao mes no xulgado. Está acusado de desordes e resistencia á autoridade.