Deteñen o secretario comarcal da CIG na protesta de traballadores no acto do PP en Ferrol

Detención X.M Pintos
Xesús A. López Pintos pasou a noite na Comisaría e a primeira hora da mañá pasa a disposición xudicial. Máis de 300 traballadores do Naval protestaron no acto de incio de campaña do PP en Ferrol pola responsabilidade deste partido na situación do sector.

A protesta do naval no inicio de campaña do PP en Ferrol finalizou con varios traballadores feridos polas cargas policiais e a detención do secretario comarcal da CIG, López Pintos, que recibeu un forte golpe na cabeza na intervención policial. Horas despois de que o PP tentase prohibir, sen éxito, as manifestacións da CIG contra as políticas antisociais de Xunta e estado; uns 300 traballadores do naval concentráronse perante o hotel onde os populares iniciaban en Ferrol a canpaña electoral.

Os concentrados reclamaban a construción do dique flotante, que garantiría dous anos de carga de traballo para os estaleiros de Ferrol, e explicacións sobre o caso Pemex. Até o lugar se desprazaron dotacións da policiía nacional e local. Afirmaban que a súa intención era escoltar os participantes no acto do PP, entre eles o alcalde de Ferrol e o presidente da Deputación da Coruña. Mais a súa presenza derivou en altercados e caras contra os operarios, feridos varios deles e detendo o secretario comarcal a CIG.

López Pintos, segundo informan na CIG de Ferrol, pasou a noite en comisaría e esta mañá sería posto a disposición xudicial.

Manifestación masiva

Pola volta de 3.000 operarios do naval de Ferrol sairon á rúa na mañá da quinta para exixiren carga de traballo para os estaleiros e explicacións sobre o caso Pemex. Os traballadores, que partiron en manifestación e protagonizaron un paro de dúas horas, procederon a cortar o tráfico rodado en puntos da cidade como a Avenida do Esteiro.

Posteriormente, e fronte ao edificio de Facenda, procederon a facer unha queima simbólica do documento de orzamentos xerais do estado para denunciar a ausencia de partidas específicas para o sector.

Os traballadores reclaman que as administracións se comprometan xa a que en Ferrol se constrúa un dique flotante, o que garantiría carga de traballo alén de dotar á cidade dunha ferramenta de importancia para seren competitiva na construción naval.