O rural mobilízase contra os recortes no ensino

Feijóo suprimiu máis de 130 unidades escolares
A Plataforma pola defensa do rural percorreu as rúas de Compostela xunto con outras organizacións para reivindicaren os dereitos das crianza perante os recortes no ensino.

A Plataforma pola defensa da montaña e do rural xunto con nais, pais e crianzas chegaban esta cuarta a Compostela após unha camiñata na defensa do ensino no rural. As políticas de recortes desenvolvidas polo goberno de Núñez Feijóo deixan tras de si un comezo de curso con máis unidades escolares fechadas, menos profesorado e máis alumnado por aula. As organizacións participantes entre as que se atopaban a FRUGA, CIG, Plataforma galega en fefensa do ensino público, Galiza Nova ou a Coordinadora galega de ANPAS do rural, exixiron ao goberno galego que garanta un ensino de calidade para as crianzas pois aseguran “@s nen@s teñen dereitos, non son números”.

“Rescatan os bancos, e a nós quen nos rescata?”

Noelia Maceda, voceira da Coordinadora de ANPAS do Rural e nai afincada no Incio, facía énfase na falta de medios con que contan as súas escolas e na necesidade de que as crianzas do rural posúan un ensino de calidade “sexan moitos, sexan poucos”. O reagrupamento de unidades e a supresión de case 200 postos de traballo no ensino para este curso académico –principalmente nas provincias de Lugo e Ourense-- agraban o despoboamento do rural.

Os pais e nais que integran a Coordinadora exixiron á Xunta de Galiza que garanta un ensino de calidade para as crianzas como pedra fundamental na recuperación do medio rural en troca de entregar sen contapisas cantidades inxentes de diñeiro público á banca privada, “queremos que nos rescaten a nós” aseveraba Noelia.

“O goberno Feijóo desprezou o medio rural”
Francisco Jorquera, candidato á presidencia da Xunta de Galiza polo BNG, estivo presente esta cuarta na praza do Obradoiro acompañado por outr@s membros da fronte nacionaliata, en solidariedade cos participantes da marcha e na “defensa dun medio rural vivo”. O nacionalista, criticou con dureza as políticas levadas a cabo polo goberno de Núñez Feijóo das cales dixo “conducen á ruina do rural”, a través do desmantelamento dos seus sectores produtivos e da práctica supresión dos servizos públicos. "Ningún país do mundo construíu o seu progreso desde o abandono do rural", asegurou o candidato nacionalista que amosou ás persoas participantes na mobilización o seu apoio. Para Jorquera a modernización e transformación do campo supoñen dous eixos fundamentais na construción do futuro. 
Segundo Jorquera, a redución do profesorado, a reagrupación de unidades escolares e mesmo a concentración de crianzas de diferentes idades nunha mesma aula poñen en risco o futuro do medio e abocan o rural cara á desertización.