Comeza o curso: máis alumn@s, menos profesor@s

O ensino público en infantil e primaria contará este curso que comeza con 12 centros e 132 unidades menos

Comeza o curso escolar 2012-2013 en infantil e primaria e arranca con máis alumnado e menos profesorado e medios, consecuencia, lembran desde sindicatos até anpas, das medidas e políticas adoptadas polo goberno de Feijóo. Actuacións que abranguen tanto recortes en comedores escolares como na presenza do galego.

Como lembran na CIG, o ensino público neste curso en infantil e primaria contará con 12 centros e 132 unidades menos, alén de 113 unidades que agrupan alumando de diferentes idades, niveis e cursos e da supresión de 199 postos de traballo fixos.

A política de recortes tamén provoca que en primaria o número do profesorado suprimido e desprazado se incremente nun 45%: en 2011 eran 168 as e os docentes afectad@s pola desaparición da súa praza. En 2012 esta cifra ascende a 245, e hai 359 profesor@s que impartan docencia en máis dun centro.

“Co aumento de alumando e a redución de profesorado pode falarse de escolarización máis non de educación no sistema público”, di Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino.

Mobilización

A Plataforma pola defensa do rural e da montaña realiza hoxe unha mobilización en Compostela (a partir das 12:00, praza do Obradoiro) para denunciar o grave impacto das políticas de recortes do PP en comarcas como Os Ancares, entre outras.