O PP de Compostela vese avocado a recuar na teima de ''privatizar'' a rúa

Faixa dos colectivos sociais nunha cazolada realizada diante do Concello o día en que se aprobou o borrador da normativa [Imaxe: SG]
O grupo municipal do BNG apoiou no pleno o groso da modificación que se fixo na normativa de uso e ocupación da vía pública que se fixo en base ás 256 alegacións presentadas polos colectivos sociais e culturais e que conseguiron frear ''o afán recadatorio'' do goberno local, onde a dereita ostenta a maioría absoluta. No borrador do texto propúñase cobrar até pola instalación de mesas informativas por parte de entidades sen ánimo de lucro
 


O concello de Compostela non poderá cobrar finalmente pola realización de actos de asociacións sen ánimo de lucro como quería o goberno local encabezado polo PP.

No pleno municipal celebrado esta quinta feira, o concelleiro do BNG Rafael Vilar apoiou a maior parte do texto de modificación da normativa que se fixo en base ás 256 alegacións presentadas pola propia formación frontista e polos colectivos sociais e culturais composteláns en contra desta ordenanza, cuxo borrador saira adiante en maio por obra e graza da maioría absoluta da dereita --coa abstención do PSOE e o voto en contra do BNG-- e que fora resumida polos movementos sociais en tres palabras: "mercantilización, criminalización e persecución".

A pretensión do PP:  ''limitar dereitos fundamentais''
Así as cousas, a presión dos movementos sociais foi recoñecida polo propio concelleiro delegado de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Tráfico, Albino Vázquez Aldrey, quen lle atribuíu a decisión de repensar o texto da normativa á "axitación" xerada por plataformas cidadás e veciñais, nomeadamente dúas: unha que agrupou a máis de 30 entidades veciñais, deportivas, xuvenís e culturais con dilatada traxectoria no asociacionismo compostelán, como O Galo; e outra con representantes tamén do eido cultural, centros sociais e os movementos feminista e ecoloxista, que actuaron baixo o nome A rúa é nosa! 

Na mesma liña, explicou Rafael Vilar que o executivo que encabeza Ángel Currás se viu abocado a modificar o texto da normativa "porque introducía limitacións a dereitos fundamentais que cernan as liberdades públicas", xa que o texto do PP pretendía limitar o dereito de reunión, de participación e de liberdade de información á cidadanía, pois quería estender a recaudación ao cobro pola colocación de mesas informativas por parte de asociacións e colectivos sen ánimo de lucro. Porén, Currás "viuse forzado a rectificar", acrecentou o concelleiro nacionalista.

Malia esta conquista, o BNG mantén discrepancias coa nova redacción da norma, nomeadamente "no feito de mudar a denominación de 'fianza' polo eufemismo de 'garantía' que se pode requerir para a concesión de autorizacións" necesarias para a realización de actividades. Para alén deste punto, subliñou Rafael Vilar que o grupo municipal nacionalista non partilla tampouco que os permisos se concedan "en precario e coa aplicación de criterios discrecionais" por parte dunha corporación municipal onde o PP ostenta a maioría absoluta.

Desde os colectivos sociais e culturais houbo máis matizacións. Ao igual que as alegacións introducidas, foron apoiadas na súa totalidade polo BNG e en parte polo PSOE.  O texto que preparou o goberno de Currás, e que vén modificar a norma vixente desde 1998, segue sen atender "a especificidade de moitos colectivos sen ánimo de lucro" que desenvolven as súas actividades na rúa, como @s músic@s ou os postos de venda de artesanía e recordos. Aliás, no texto definitivo mantense a prohibición de xogar fóra dos lugares habilitados. Recalcou Rafael Vilar a "fundamental" oposición manifestada polo tecido asociativo da cidade para pular pola modificación dos artigos que na ordenanza do PP poderían vulnerar dereitos fundamentais.

A norma non estaba aprobada, mais aplicábase
Aínda que a ordenanza é nova, a alarma saltou hai tempo. O concello de Compostela valíase "arbitrariamente" de ordenanzas "que non son tan claras como esta", como a que rexe para a colocación de estadas na rúa, para exixir o pagamento de fianzas por actividades de carácter lúdico ou social "segundo a asociación que as organiza", segundo informaron os colectivos sociais de Compostela en maio, días antes da aprobación do borrador da norma.

Así, a como exemplo, á Gentalha do Pichel impúñanlle 1.500 euros de fianza para realizar un xantar popular no 'espazo C' --a carón do Museo do Pobo Galego--, que o centro social rexeitou para trasladar finalmente a iniciativa á Praza 8 de marzo; e, máis recentemente, para a Rede Feminista Galega e o Cineclube barallou o Goberno municipal o cobro de 400 euros --con desconto do 50% porque a actividade non procuraba lucro-- pola proxección de films ao ar libre, nun ciclo de cinema.

A raíz desta última tentativa "quedou claro que esta norma non obedece a nada se non é á represión polo uso da nosa vía pública e da nosa electricidade e ao afán de control" da actividade socio-cultural dunha cidade, Compostela, onde a axenda vai ben máis cargada do que noutras localidades da Galiza.