EDUCACIÓN

O PP contradí a Feijóo e oponse a frear a suba das taxas na Universidade

Mobilización do 10 de Maio. Facebook dos Comités
A formación conservadora ignora as mobilizacións estudantís do 10 de Maio e rexeita unha iniciativa presentada polo BNG para tal fin, ademais de instar á Xunta a un incremento do financiamento público no ensino superior até acadar a media estatal no 2015 e a media europea no 2020

O Partido Popular opúxose esta sexta no Parlamento a unha iniciativa do BNG, defendida polo deputado Carlos Aymerich, que tiña por obxecto impedir o incremento do prezo das matrículas universitarias por riba do incremento experimentado polo IPC.

A proposición non de lei nacionalista tamén tentaba instar á Xunta a incrementar o financiamento público do ensino superior até acadar a media estatal en 2015 e a media da UE en 2020, así como mellorar a dotación de bolsas e a dotación de servizos, como os residenciais, que contribúen eficazmente á igualdade no acceso e permanencia na Universidade.

O voto en contra do Partido Popular evidenciou, segundo Aymerich, que os anuncios de Feijóo e do consellleiro rexeitando a aplicación en Galiza das medidas adoptadas polo ministro de Educación, José Ignario Wert, son "palabras baleiras" e, no caso concreto do "sempre servil conselleiro Jesús Vázquez", son "un claro intento" de desviar cara os reitores a responsabilidade "por unha medida que ten un selo claro, o selo do PP".

Aymerich defendeu a súa iniciativa como unha forma de facerlle fronte á "evidente agresión" do Estado ás competencias galegas e á autonomía das universidades, así como á concepción dunha universidade "elitizada" que se quere implantar.

Para o deputado nacionalista, fica claro que este é o obxectivo último do ministro, toda vez que as súas políticas e distintas declaracións van sempre na liña de cuestionar a calidade do actual sistema universitario, criticando a súas masificación e pondo enriba da mesa, como medida para a correxir, restrinxir o acceso.

Estes límites máis os recortes no orzamento van supoñer unha dificultade engadida para o estudantado de familias con ingresos medios ou baixos, que van ter moito máis difícil poder cursar estudos superiores, segundo veñen denunciando as organizacións estudantís e a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. Aymerich fixo un chamamento ao PP para que reflexione e escoite a voz dos milleiros de estudantes, nais e pais e profesorado, cuxos berros a prol dun ensino público, galego e de calidade nas mobilizacións do 10 de Maio aínda resoan.