O persoal PAS prepara mobilizacións conxuntas nas tres universidades contra os recortes da Xunta

Protesta diante do Parlamento [Imaxe: SG]
Na USC, por volta dun milleiro de sinaturas entraron xa no rexistro en contra a instrución da xerencia que sobe nun 7% a xornada laboral sen o correspondente incremento salarial. Na U-Vigo centos de correos electrónicos quéixanse doutra resolución da xerencia que entrará en vigor o 16 de febreiro pola que @s traballador@s fican suxeitas á libre disposición horaria


O persoal de administración e servizos da USC entregou esta segunda feira no rexistro da Universidade por volta de 850 instancias asinadas por outr@s tant@s traballador@s nas que exixen a retirada da instrución de horarios, permisos e vacacións para abrir un periodo de negociacións coa xerencia. O mesmo día, a xerenta, Lourdes Batán, convocou un encontro que se realizará a finais desta semana. Explicou que "de conversar sempre teño ánimo" malia advertir que "a instrución está xa pechada".

As protestas do persoal non docente da USC ficaban suspendidas após un chamamento do reitor, Juan Casares Long, para manter unha xuntanza. A reunión realizouse. Isabel Vaquero, representante d@s traballador@s, sinalou que foi "un debate que durou tres horas" en que a pataca quente da polémica instrución foi pasando duns cargos a outros. Así, Casares Long argumentou que todas as competencias estaban delegadas na xerencia. Lourdes Batán non asistiu á xuntanza por se atopar de baixa neses días e quen a substituíu no cargo recusou pechar acordos sen estar a xerenta presente.

A instrución entrou en vigor en febreiro e, canda ela, a obrigatoriedade de comezar a xornada laboral 15 minutos antes e de a rematar outros 15 minutos máis tarde, incrementándoa nun 7% e sen o correspondente aumento nos soldos. En palabras de Isabel Vaquero, trátase dun "castigo" para o persoal non docente, para alén de ser unha medida "discriminatoria" ao non se lles aplicar aos PDI.

A U-Vigo quere implantar unha bolsa horaria "discriminatoria"

Tamén de "discriminatoria" por xerar desigualdade non só respecto do persoal PDI senón dentro d@s propi@s PAS, tilda tamén o colectivo de persoal non docente a proposta de resolución lanzada polo xerente da U-Vigo, Manuel Fernández Jáuregui. Para alén do incremento horario até cumprir coas 37,5 horas semanais que impuxo por decreto o Goberno español, anulando o último convenio colectivo en que se acordara que a xornada laboral era de 35 horas, o reitor da Universidade viguesa, Salustiano Mato, pretende implantar unha bolsa horaria a decidir pol@s xef@s de servizo "en función das necesidades do centro". Na práctica, o persoal PAS ficará suxeito á libre disposición horaria, que inclúe sábados e feriados.

Na U-Vigo, Xunta de persoal e Comité de empresa non chegaron a un acordo sobre como incrementar, a respecto do horario estabelecido, a media hora a maiores que cumpriría para se adaptaren ao real decreto de Madrid. Con todo, o rexeitamento ás intencións da xerencia si que é unánime, ao considerar que se trata dun "ataque" contra a conciliación da vida familiar e laboral e contra os dereitos d@s traballador@s "sen precedentes en ningunha outra universidade nin administración pública". Así o considera Xoán Cebro, delegado sindical da CIG na Xunta de persoal, quen informa de que haberá mobilizacións contra a resolución da xerencia, que entraría en vigor o vindeiro 16 de febreiro.

Cebro quéixase de que a equipa de Goberno da U-Vigo fará "un uso indiscriminado" desa bolsa horaria e coloca como exemplo a situación en que deixa @s conserxes: en virtude do convenio colectivo, traballaban xa os sábados, mais tiñan un día de descanso por cada sábado e pagábaselles un plus de 1,5 euros por hora. Coa nova norma, seguirán a traballar os sábados, mais só cando acumulen 10 pasarán a librar un día por cada dous sábados traballados. Para alén disto, acrecenta que quen pediu unha adaptación do horario para o coidado de crianzas menores de cinco anos e a tiñan aprobada "agora fica no aire, quedaría anulada".

Mobilizacións conxuntas nas tres universidades

Con este panorama, e malia estar fixada unha reunión na USC para esta semana, o comité intercentros vén de anunciar a posibilidade dun calendario de mobilizacións conxuntas contra os recortes nas tres universidades que aparece recollido no anteproxecto dos Orzamentos da Xunta de Galiza e que afectan os PAS coa retirada de dúas pagas do complemento específico, o que se traduce nun recorte salarial que podería superar o 5%. A outro 5% ascende tamén a rebaixa da masa salarial. As protestas poderían pasar incluso pola convocatoria dunha xornada de greve o 26 de febreiro, cadrando coa votación dos orzamentos no Parlamento galego.