PAS da USC péchanse contra o recorte orzamentario e o aumento dun 7% na xornada laboral

Unha instrución emitida pola xerencia da universidade compostelán "sen negociar cos traballadores" anuncia tamén outras medidas como a perda de días de vacacións e asuntos propios ou a penalización das baixas por enfermidade


Unha instrución "urxente" emitida pola xerencia da USC "sen negociar cos traballadores e ditada de maneira discriminatoria contra nós" foi a pinga que fixo rebordar o vaso. Após varias protestas, persoal de administracións e servizos (PAS) da universidade pública galega leva desde a noite da cuarta feira pechado na Casa da Balconada en protesta contra o incremento nun 7% da xornada laboral que foi anunciado na devandita instrución e que se fará efectivo en febreiro.

Para alén disto, @s traballador@s públicas revólvense tamén contra o anteproxecto da lei de Orzamentos que o Parlamento galego debaterá nun pleno extraordinario na terza feira, 29 de xaneiro.

De saír adiante o texto tal e como está redactado, a Xunta chucharía por volta de 22 millóns de euros do financiamento que destina ás tres universidades galegas.

Perante a condena que coa boca pequena fixo o reitor compostelán, Juan Casares Long, o conselleiro de Educación manifestou xa o seu posicionamento: as universidades deberán escoller entre un recorte da masa salarial ou manter as retribucións e recortar no cadro de persoal.

Así as cousas, na primeira asembleia de empregad@s PAS realizada co gallo do peche foron dous os temas a debater.

Dun lado, a suba das taxas con que a Xunta pretende recadar seis millóns de euros máis. Do outro, ese "importante recorte" orzamentario "que avoca á universidade non ao peche, mais case e que pón de manifesto o incumprimento absoluto de todos os acordos" comprometidos entre o Executivo galego e a equipa de goberno da USC.

O límite na masa salarial que se impón para as universidades do País "só é posíbel respectalo aplicando medidas que van contra os traballadores", segundo denuncia Antonio Pérez Casas, membro do PAS e responsábel da rede de datos da USC.

Tal e como calculou a federación de Ensino da CIG, co recorte salarial previsto, do 5%, "faltarían nove millóns de euros aínda" para cadrar as contas, polo que a lei de orzamentos carrexaría tamén por volta de 250 despedimentos en PAS e PDI.

Exixen que se paralice a instrución e se retomen as negociacións

De momento, a instrución da xerencia da USC afecta unicamente ao 30% de empregad@s públic@s, @s que fan parte do PAS. Nela anúncianse medidas como a perda de días de vacacións e asuntos propios ou a penalización da enfermidade co recorte de dereitos durante os días de baixa.

"O valor real do incremento de horas, entre horas de máis e menos vacacións, sitúase entre o 14% e o 18%", explicou Antonio Pérez, que interpreta esta "orde da Xunta" como unha "discriminación" d@s PAS.

Exixen que a equipa reitoral da USC "asuma as súas responsabilidades e denuncie publicamente a tentativa de desmantelar a Universidade", para alén de negociar "en pequenos corros" e asumir o bloqueo orzamentario imposto pola Xunta.

Así as cousas, namentres o peche que mantiña o estudantado na facultade de Historia de Compostela, chegou á súa fin esta sexta feira, o iniciado hai uns días polo persoal PAS non ten data de finalización. Na terza feira, e sen deixar soa a Casa da Balconada, a comunidade educativa transladará as súas queixas até as portas do Parlamento galego, onde se debaterá o anteproxecto orzamentario. Por derradeiro, cómpre lembrar que desde 2010 até hoxe, co PP na Xunta, a universidade prescindiu xa de máis de 600 traballador@s.


NOTA: as imaxes que acompañan esta información pertencen ao Facebook do colectivo nacionalista de PAS 'A Trabe'